O PSOE de Santiago fai saber ao BNG que non entrará nun goberno local cos nacionalistas

A candidata á Alcaldía trasladoulles que seguen coa man tendida para chegar a acordos "se realmente queren pór os intereses da cidade por diante".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2023 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

O PSOE de Santiago trasladou formalmente ao BNG que non entrará no goberno local nunha reunión mantida este martes, tras a que a alcaldable nacionalista, Goretti Sanmartín, destacou ter un "equipo sólido" para dirixir a cidade e insistiu en que a porta queda "aberta" para os socialistas.

Nun comunicado remitido aos medios, o BNG destacou que continúa cos encontros de negociación tras o 28 de maio, motivo polo que este martes mantivo unha reunión con representantes do PSOE, na que lle transmitiron que apoiarán asuntos relevantes para a cidade pero sen entrar a formar parte do novo goberno. "Temos un equipo de goberno sólido e cohesionado que marcará un cambio de rumbo para transformar a capital galega, que traballará en diálogo cos axentes sociais e cos veciños para adoptar as decisións estratéxicas de Santiago de Compostela a partir de agora", explicou Goretti Sanmartín.

A candidata á Alcaldía trasladoulles que seguen coa man tendida para chegar a acordos "se realmente queren pór os intereses da cidade por diante", despois de que decidisen entre a dirección galega do PSdeG, a dirección provincial e o grupo municipal socialista non entrar no novo goberno e quedar na oposición.

A vontade do BNG, conforme lembrou, era integrar tanto ao PSOE como CA para facer un goberno "o máis amplo posible, atendendo ao resultado do sentir maioritario dos veciños", pero sinalan que "é necesario respectar a decisión interna das demais forzas políticas e os seus tempos".

"As portas quedan abertas a que o grupo municipal socialista participe no goberno local, se ten interese en defender os intereses da cidade desde esa posición, ademais de acordos puntuais que comprometeron", indicou.

Ademais, Sanmartín avanzou que xa ten definidas as medidas urxentes que adoptará o novo goberno local, a partir da investidura do sábado 17 de xuño e que conta cun equipo sólido e cohesionado que xa está a traballar para sacar adiante os proxectos que necesita a cidade.

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Que non lle pase nada... pero se empezamos ocultando a Realidade mal vamos... ¿por que o PSOE non quere participar do Goberno en Santiago? Será para ter as mans libres para tirar pedradas día sí e día tamén... Ollo que veñen curvas, eleccións galegas en 2024 !