Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2023 | Actualizada ás 16:35
A candidata do PSOE e alcaldesa en funcións do municipio coruñés de Betanzos, María Barral, repetirá no cargo tras alcanzar un acordo co BNG para "garantir unha investidura dun goberno de esquerdas".
Socialistas e nacionalistas, que obtiveron seis e tres concelleiros respectivamente nas pasadas eleccións municipais fronte aos oito do PP, asinaron este venres un documento no que se recollen os compromisos a levar a cabo no mandato 2023-2027.
Entre estes compromisos, a eliminación do viario de Infesta, a redefinición da PXOM para poder aprobar un Plan consensuado entre ambas as formacións, redactar o anteproxecto do servizo de abastecemento e depuración de auga no que se defina a totalidade das infraestruturas de abastecemento de auga, saneamento e depuración de augas residuais e tamén redactar o anteproxecto do servizo de actividades deportivas no complexo deportivo municipal de OCarregal ou non financiar actividades e entidades relixiosas.
O acordo tamén establece un calendario de negociación dunha proposta de orzamentos municipais a partir do 1 de setembro de cada ano, no que se tratarán as partidas a incluír no proxecto de orzamentos. Ademais, destinarase unha partida específica para normalización lingüística e negociaranse as bases de execución do orzamento, entre outros compromisos.
En rolda de prensa este venres, a candidata do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez, sinalou que este acordo garante "a recuperación do dinamismo do concello", así como "a preservación da identidade propia". Cuestionada sobre se o Bloque podería entrar nun futuro goberno de coalición, Amelia Sánchez destacou que "se podería valorar", aínda que "sempre co visto e prace da asemblea local".
Pola súa banda, María Barral agradeceu ao BNG "a súa disposición e o seu talante a falar e negociar" e destacou que este acordo "garante unha estabilidade para o concello" coa realización e desenvolvemento de "políticas progresistas e de esquerdas". Así mesmo, a socialista recoñeceu que "toma nota" dos resultados electorais do pasado 28 de maio nos que a lista que encabezaba perdía catro concelleiros respecto dos comicios de 2019.
CONTINUIDADE DA RAÍÑA DE SAN ROQUE?
A preguntas dos medios sobre os puntos concretos deste acordo, a candidata do PSOE e do BNG foron cuestionadas sobre como afectará o compromiso de non levar a cabo actividades sexistas no relativo ao evento da Raíña de San Roque.
Así, tanto Barral como Sánchez limitáronse a responder que o acordo reflicte "non levar a cabo actividades sexistas". Con todo, a portavoz nacionalista si foi máis clara e lembrou que a postura do BNG é "considerar a raíña das festas un acto sexista". "O acordo é claro: o concello non financiará e apoiará actos sexistas", resumiu.
Neste sentido, a socialista afirmou que ao seu grupo municipal "non se lle ocorrería implantar algo así neste momento", pero si respectan "a tradición que vén de tempo e que non só reflicte esa coroación, senón que ten moito ao seu ao redor de tradición, desenvolvemento social e económico".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.