Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2023 | Actualizada ás 16:41
O alcalde de Ourense en funcións, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana), afirmou que esta tarde renova as negociacións con PSOE e PP, tras os contactos mantidos nas últimas horas e á espera de que se constitúa a corporación ourensá, convocada ao final para o mediodía deste sábado.
Pérez Jácome saíu do concello ourensán na mañá deste venres portando caixas cos seus efectos do despacho de Alcaldía, que trasladou a un vehículo nas proximidades do Consistorio. "Xa baleirei o despacho, retirei as miñas cousas, tan só lles queda o piano", manifestou á saída, en declaracións a Europa Press.
O instrumento, que empregou en numerosos vídeos que el mesmo colgou en redes sociais ao longo do seu mandato, aclarou que pertence á escola de música polo que "aí quedou". "Se non lles gusta, que o trasladen a outro sitio", dixo. "Se non son eu o alalde, que espero ser eu", apostilou.
Con estas palabras, reiterou a súa confianza no peso da lista máis votada, a que lidera, Democracia Ourensá, que logrou o apoio de máis de 18.000 ourensáns e, con iso, 10 edís e 3 deputados provinciais.
Eses resultados déixano a 7 edís da maioría absoluta no concello onde PP logrou 7, PSOE 6 e BNG 4. Así as cousas, á oposición só lle dan as contas cun tripartito. Os populares lanzaron unha oferta neste sentido, que xa foi descartada por socialistas e nacionalistas.
"NON HAI NADA PECHADO"
Jácome recoñecía este xoves que se reúne "con todo o mundo", e respondía "con todos" ao ser preguntado acerca de se eses contactos tamén incluíron a altos dirixentes do PP, mesmo da cúpula estatal. No entanto, sinalaba que "non hai nada pechado" e que hoxe sería un día "longo de negociacións".
Segundo explicou, Democracia Ourensá prevía gozar dunha comida nun restaurante da cidade das Burgas no que se reuniría "a plana maior" da formación. "Previamente reuninimonos por grupos, falei cos concelleiros e agora reunímonos coa xente que non ten concellaría", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.