Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2023 | Actualizada ás 15:21
Agustín Reguera e Ana Ortiz tomaron posesión este martes como delegados territoriais da Xunta en Pontevedra e Vigo, respectivamente, en senllos actos aos que asistiu o presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, quen lles encomendou diálogo con "todos os galegos" e "todas as institucións".
Numerosos alcaldes dos 47 concellos aos que serve esta delegación territorial asistiron a este acto no que Alfonso Rueda encomiou o "bo talante e o espírito de traballo" de ambos, agradecéndolles a súa "dedicación, profesionalidade e dispoñibilidade".
O nomeamento de Agustín Reguera supón un recoñecemento a unha traxectoria de 28 anos como alcalde de Soutomaior despois de perder o bastón de mando nas pasadas eleccións municipais. "Ímosvolo a pedir prestado un tempiño máis, loxicamente vén aquí porque el quere, pedíuselle e el dixo que estaba disposto a seguir traballando", chanceou o presidente da Xunta cos fillos do novo delegado territorial presentes neste acto.
Rueda dixo do novo delegado que é "unha persoa dialogante, conciliadora, con coñecemento e con rigor" e destacou a súa "vocación de servizo público" que lle fai atesourar "moitísima experiencia para achegar en positivo".
Pola súa banda, Agustín Reguera agradeceu a "confianza" depositada nel para asumir este cargo, "espero estar á altura", manifestou. "Chego como moito entusiasmo, un pouco de experiencia e a máxima humildade, para entender e tentar axudar aos 47 concellos da nosa área de influencia", apuntou.
No caso da nova delegada en Vigo, Ana Ortiz, o presidente da Xunta destacou dela a súa "experiencia" e o seu grao de coñecemento de como funcionan as administracións públicas en Galicia. Tamén avalou a súa alta "capacidade de traballo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.