Europa elixe Galicia para ensaiar a restauración de bosques queimados polos incendios

Tamén estudan a protección de especies fronte ao cambio climático

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2023 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

Investigadores europeos procedentes de Francia, Italia e Portugal ensaian en Galicia a restauración de bosques asoladas polas lapas e novos mecanismos de protección de marras mediante o emprego de palla, así como de esterco de coello e de cabalo, ao abeiro dos proxectos Life VAIA e Silfore, dous programas europeos nos que participa o grupo de investigación da USC Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos, que coordina a catedrática na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra Rosa Mosquera Losada.

Incendio provocado en Seixalbo, Ourense.
Incendio provocado en Seixalbo, Ourense. | Fonte: XUNTA - Europa Press

A análise e o intercambio dos resultados tralas primeiras actuacións desenvolvidas nos últimos meses nunha superficie de preto de 50.000 metros cadrados de monte na parroquia de Quintá de Lor, en Quiroga, centran unha xuntanza científica que botou a andar este mércores no Campus Terra da USC e que continuará mañá con visitas de campo ás áreas afectadas, segundo indica Rosa Mosquera.

A catedrática da USC e coordinadora do grupo Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos lembrou neste senso que o Life VAIA, nome que fai referencia ao episodio homónimo que en 2018 provocou unha gran devastación forestal rexión italiana do Véneto, posibilitou xa reforestar preto de cinco das decenas de hectáres de monte do concello de Quiroga que asoladas na vaga de lumes do pasado ano. “Plantáronse máis de dúas hectáreas de castiñeiro e outras dúas de piñeiros”, precisou Mosquera, para logo engadir que se completaron estas labores de reforestación con especies autóctonas coa plantación de diversas plantas melíferas e medicinais, recursos a través do que se pretende enriquecer a biodiversidade desta zona, ademais de favorecer a rendibilidade dos propietarios do monte. A investigadora da USC engadiu asemade que outra das accións contempladas no Life VAIA pasa pola próxima colocación de colmeas nestas parcelas de monte, unha actuación encamiñada a favorecer a polinización e os potenciais aproveitamentos apícolas, dixo.

Unha vez completadas as primeiras accións contempladas no programa do Life VAIA, financiado cuns dous millóns de euros, e cando aínda se están a acadar os primeiros resultados respecto a adaptación das distintas especies empregadas nas plantacións, a investigadora Rosa Mosquera xa apuntou como acción máis ou menos inmediata a repoboación das marras, unha realidade que Mosquera, atribúe, cando menos en parte, á seca e ás elevadas temperaturas que se rexistran nesta rexión de interior do sur da provincia de Lugo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta