Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 13/07/2023 | Actualizada ás 11:59
A organización da XXIV Feira do Viño de Valdeorras, a cargo do Consello Regulador, valora a ampla acollida das diferentes actividades programadas ao abeiro do foro, así coma o respaldo popular ao evento. Neste sentido, dende o organismo calcúlase que o incremento de asistentes superou nun 5% ao rexistrado en 2022 e a cifra final de visitantes acadou os 8.400. “Trátase dunha das edicións máis concorridas que se recordan”, afirmou o presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos.
O presidente do Consello Regulador destacou tamén o amplo respaldo institucional acadado nesta edición do evento, pois por vez primeira un presidente da Xunta participou no acto inaugural da feira. “Quero trasladarlle o agradecemento do noso organismo a Alfonso Rueda e ao resto de autoridades que participaron ou asistiron ao acto tales como o conselleiro do Medio Rural, o director da Axencia Turismo de Galicia, o alcalde do Barco e os numerosos rexedores e representantes políticos da comarca”, indicou.
Tampouco lle restou importancia o máximo representante do CRDO ao pregón do escritor e xornalista Manuel Jabois que reuniu a centos de persoas na Praza de Viloira. En palabras súas: “un emotivo discurso que constituíu un verdadeiro canto de amor ao viño, á terra e á vida mesma”.
GRUPO DE PRENSA ESPECIALIZADA
A repercusión da XXIV Feira do Viño de Valdeorras seguirá incrementándose nos vindeiros días cando o grupo de xornalistas especializados de diversas partes de España que visitou o territorio amparado, coincidindo coa celebración da mostra vitivinícola, publique as súas informacións nas diferentes cabeceiras para as que traballan.
Este grupo, composto por media ducia de profesionais, coñeceu o Mosteiro de Xagoaza (Godeval), onde tivo ocasión de cear o primeiro día. Tras facer noite no Hotel Pazo do Castro, ao día seguinte os xornalistas desprazáronse ata a sé do Consello Regulador, lugar no que participaron como expertos no panel que avaliou as diferentes referencias presentadas a concurso dentro da XXIV Cata Oficial dos Viños de Valdeorras.
Con posterioridade, visitaron en Seadur a adega Pago de los Capellanes e xantaron na Cova da Xabreira. Ao finalizar, desprazáronse ata Córgomo para coñecer as instalacións da adega Guitián y Blanco e a súa contorna. Finalmente, na xornada do venres acudiron ao acto de entrega de premios dos mellores brancos e tintos de Valdeorras do ano, celebrado no Complexo Hostaleiro Paladium.
Xa o sábado, visitaron a adega O Cepado, en Rubiá. E, finalmente, asistiron ao acto inaugural da Feira do Viño, no Barco, onde puideron percorrer as diferentes casetas das adegas que participaron no foro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.