Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2023 | Actualizada ás 13:19
O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia oferta este verán un total de 350 rutas guiadas con aproximadamente 4.000 prazas para coñecer a natureza e a historia das illas que conforman este espazo natural. Tal e como explicou a Xunta, as rutas faranse en grupos reducidos co fin de poder ofrecer "unha experiencia da máxima calidade" aos participantes.
No caso de Cíes e Ons, as persoas interesadas poderán apuntarse xa de maneira presencial nas casetas de información localizados nas propias illas para participar nas visitas con guía que se realizarán a diario ata o 15 de setembro. Ademais, tamén se ofrecerán a través da central de reservas 250 prazas para asistir a algunha das excursións organizadas todos os mércores ás 12.00 horas durante os meses de xullo e agosto no caso de Cíes, e os xoves á mesma hora no de Ons.
En canto ás rutas guiadas polos arquipélagos de Cortegada e Sálvora só hai opción de reservar a través da páxina web. En Cortegada ofrécense un total de 6 visitas todos os domingos desde o 23 de xullo ata o 27 de agosto. Para Sálvora tamén serán 6 rutas, neste caso, cada luns desde o 24 de xullo ao 28 de agosto. Estas excursións serán en grupos de 10 a 15 persoas, e o número de prazas total é de 154.
A solicitude a través da central de reservas das visitas a Sálvora e Cortegada poderá facerse, como moi tarde, ata o xoves anterior ao da excursión; e para Cíes e Ons, ata 24 horas antes da realización da ruta para reservas en liña, ou no mesmo día en caso de facelo presencialmente nas casetas de información.
Fai falta subliñar que, aínda que todas estas rutas son gratuítas, os visitantes deberán facerse cargo do traslado ata a illa. No caso de Cíes e Ons, ao existir transporte regular durante o verán, cada persoa debe solicitar a súa autorización de visita e o seu billete. O guía, pola súa banda, estará a esperar na illa.
No que respecta a Sálvora e Cortegada, que só se poden visitar en compañía dun monitor, o propio Parque Nacional organiza o grupo e contrata o transporte, pero o visitante, despois de reservar a súa praza a través da páxina habilitada, debe pagar o billete á navieira seguindo as indicacións que se lle farán chegar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.