GC Aberto

25 de xullo de 2023... mil primaveras máis para a Patria Galega!

“O nacionalismo galego é a negación mesma do espírito conquistador pois representa a renuncia á grande patria forte. O seu obxecto é acender o patriotismo para que sexa unha forza criadora de cultura e cidadanía dentro do noso territorio".

Por admin | Compostela | 20/07/2023

Comparte esta noticia

Xoaquín de Acosta Beiras

Hermanager - Viñeta de humor - 25 de xullo Hermanager humor - Día Nacional de Galicia
Hermanager - Viñeta de humor - 25 de xullo Hermanager humor - Día Nacional de Galicia

 

Así falaba Plácido Castro a primeiros do S.XX. Un galego universal e esquecido que foi quen de explicar Galiza ao resto do mundo, como fixo na Sociedade de Nacións reunida en Berna (Suíza) en 1933,  sen complexos e con orgullo de seu. Parece que estivese falando para nós, os habitantes desta Patria e deste tempo.... Tan  actual e tan moderno!

Por moito que  a historia oficial teña aferrollada no baúl do esquecemento a existencia da Galiza como o primeiro reino da Europa após o esmorecemento do Imperio Romano, borrando da mesma o período  Suevo (S.V) e con el,  máis de cen anos que deixaron unha fonda pegada que aínda hoxe é recoñecíbel a simple vista en cousas tan cotiás como son a maneira de relacionármonos entre nós ou, en  fórmulas propias de organización social a través dun entramado político-administrativo que segue vivo en parte, unhas veces asimilado polas administracións oficiais cívicas e relixiosas, e outras conservadas grazas á teimosía do  Pobo galego como é o caso da vixencia social  das parroquias ou da propiedade comunal e do dereito xermánico que lle dá amparo legal.

A Gallaecia existe no noso ADN social e coletivo, e o máis importante é que ten futuro se os máis  de 6,4 millóns de cidadás e cidadáns que a habitamos tomáramos consciencia deste feito único na Europa. Igual que existe a Galiza da diáspora espallada polo mundo adiante, verdadeiras embaixadas de galeguidade esquecidas, cando non deturpadas, polos gobernos  galegos que alén de rituais sentimentaloides e folklorizantes sen contido político só teñen como obxectivo espurio o apañar votos nas eleccións. Galiza non se explica sen a diáspora. Alí residiu a Nación durante a longa noite de pedra e nela naceron froitos gozosos que nos unen e identifican com galegas e galegos. Os máis senlleiros son a creación do noso himno e da bandeira que hoxe nos representan.

Hoxe máis do que nunca, precisamos de unha Matria Galega que nos acolla e que axude a frear a sangría migratoria da mocidade máis formada da nosa Historia. Unha patria inclusiva, solidaria  e sen fronteiras, dona de seu e que nos permita progresar aproveitando os nosos recursos sen caer na expoliación do territorio. Esa sería a nosa achega xenuína á salvación do Planeta. Temos a intelixencia colectiva abonda para facelo, só precisamos un goberno que crea na Galiza e na libre determinación de todos os pobos do mundo. Nestes tempos socialmente  convulsos temos a obriga moral e política de responder con integridade e sen caer na resignación, pois, como dixera Bertold Brecht, “O ventre da besta  segue estando fértil”.

VIVA O 25 DE XULLO !!

Saúde e Terra anima a todas as galegas e galegos a participar nos actos que o galeguismo, nas súas diferentes vertentes políticas, organiza co gallo do 25 de Xullo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Escarnasedo

Agardemos un 25 de Xullo de contido reivindicativo e non só de pose cara a galería