Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2023 | Actualizada ás 13:56
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asegurou este venres nun acto do PSOE en Ferrol co ministro de Sanidade, José Miñones, que "as expectativas" que ten a cidade, "por fin tractor da comarca, son enormes" e están fomentadas por dúas causas: "A acción e altura de miras do exalcalde Ángel Mato o desenvolvemento urbanístico a través do desbloqueo do convenio co Ministerio de Defensa e os dous contratos macro do Goberno do Estado para a construción das F-110 e a modernización das F-100, é dicir, máis de 6.000 millóns de euros".
Así mesmo, Formoso engadiu a este "futuro e presente prometedor" a "aposta brutal de Navantia polas renovables en Fene, con carga de traballo para os próximos 15 anos", unha situación que, recoñeceu, está a provocar dificultades ás empresas para atopar profesionais.
Por iso, considerou necesario "acelerar a nova lei de Formación Profesional", que prevé un investimento de 2.500 millóns, "600 deles en Galicia", concretou, "para que os centros poidan seguir desenvolvendo a FP Dual que tan bos resultados está a dar".
MIÑONES
Pola súa banda, o ministro de Sanidade e candidato do PSOE pola Coruña, José Miñones, asegurou en Ferrol que a campaña que este venres conclúe será lembrada "por dúas cousas: as mentiras de Feijóo e os pactos da vergoña entre PP e Vox, con todo o que está en risco".
"Están en risco os dereitos e liberdades, como vimos tras o 28 de maio, cando Feijóo e Abascal quitáronse as caretas. Xa sabemos que a súa alternativa é o retroceso e os recortes", sostén. Miñones defende o "balance do feito" polo Goberno nuns anos "tan difíciles, con pandemia e guerra polo medio, que non son comparables a ningún outro executivo". "Demostramos que hai formas distintas de saír da crise. Demostramos que se pode saír das crises reforzados e crecendo, non recortando como fixo o PP", agrega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.