O BNG urxe a "garantir os dereitos da poboación máis vulnerable"

Pon o foco nas familias monoparentais, a mocidade ou a poboación migrante

Por E.P. | Compostela | 01/08/2023 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

A deputada do BNG Olalla Rodil rexistrou no Parlamento de Galicia unha serie de iniciativas nas que urxe ao Goberno galego a modificar a lei de inclusión, do ano 2013, para adaptala á nova realidade socioeconómica galega e "atender ás necesidades da poboación máis vulnerable", especialmente no que respecta ás familias monoparentais, a mocidade ou a poboación migrante.

Segundo a memoria anual do Consello Económico e Social (CES) referida a a situación socioeconómica de Galicia, a taxa de risco de pobreza e exclusión social descendeu no último ano ata situarse no 18,4%. Con todo, advirte Rodil, non o fai en todas as franxas de idade, nacionalidade nin tipoloxía de fogares.

Así, a poboación entre 16 e 24 anos é a que rexistra unha maior incidencia, de forma que o 25,6% da poboación galega nesta franxa de idade está en risco de pobreza ou exclusión social. Entre os menores de 16 anos, a taxa é do 22,7%; e para as persoas de 50 a 64 anos sitúase no 22,7%.

A portavoz do BNG en materia de dereitos sociais subliña, ademais, que o maior risco de pobreza, segundo a última memoria do CES, continúa rexistrándose nos fogares compostos por unha persoa adulta con menores a cargo (50,6%), aínda que se ve reducida.

REFORMA PENDENTE

Nesta conxuntura, o BNG censura que o Executivo galego siga sen reformar a lei de inclusión "para adaptar a realidade normativa e socioeconómica actual" e urxe establecer novas ferramentas que permitan atender ás necesidades da poboación, fundamentalmente das familias monoparentais, os mozos e a poboación migrante.

"O PP prometeu e comprometeu por activa e por pasiva a reforma da lei, que leva anos anunciando. Non só incumpriu as súas promesas, senón que votou reiteradamente en contra das propostas impulsadas polo BNG", lamentou.

Olalla Rodil (BNG), en rolda de prensa
Olalla Rodil (BNG), en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta