Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/08/2023 | Actualizada ás 13:36
Sánchez non vai ter un "cheque en branco" do Bloque nesta lexislatura. Os nacionalistas galegos non van facilitar un goberno da dereita pero insisten en que o seu apoio vai ter un prezo para os interese de Galicia.
Así o deixou claro este mércores o voceiro do Bloque no Congreso, Néstor Rego, nunha comparecencia ante os medios para explicar as liñas de actuación que seguirá o partido ante a situación xerada tras as eleccións xerais do 23 de xullo. Xunto a senadora Carme da Silva coincidiron en que farán o posible para que non goberne nin a dereita nin a ultradereita.
Néstor Rego dixo que son un partido "coherente" polo que buscará unha posición reforzada en Madrid e defender o carácter plurinacional do país para lograr así "camiñar para unha sociedade cun mellorado benestar colectivo". "Galicia non pode estar ao marxe do progreso de emerxencia das nacións", reiterou Néstor nesta liña plurinacional con respeto de Cataluña e País Vasco.
"Estamos dispostos a falar pero non daremos un cheque en branco para facilitar a investidura senón que colocaremos a Galicia e os intereses dos galegos no debate", defendeu o deputado que tamén avanzou que no caso de lograr isto constatarán que os avances se estén a realizar.
Pola súa banda, Carme da Silva explicou as catro liñas nas que están traballando para o documento de negociación. Estas son, compensar o déficit histórico de investimento de infraestructuras, impulsar as políticas sociais, sobre todo no eido da igualdade e da dependencia, accións efectivas contra a crise industrial, debido a grande perda de emprego industrial en Galicia, e traballar en políticas medioambientais.
Finalmente foron preguntados polas declaracións de Yolanda Díaz sobre unha reforma do regulamento do Congreso propoñendo que se podan empregar as linguas cooficiais durante as comparecencias. "Calquera cambio en sentido democratizador parécenos positivo", respostou Néstor Rego, que aproveitou para recordar que a él mesmo se lle cortou a palabra por falar en galego en intervencións no Congreso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.