Por Galicia Confidencial | Verín | 06/08/2023 | Actualizada ás 10:00
Na cita deste 2023 cos mellores caldos de Monterrei estarán presentes un total de 18 das 28 adegas que conforman a denominación, “o que demostra o gran apoio do sector ao noso principal evento vitivinícola”, destacaba días atrás o presidente do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Jonatás Gago García.
O alcalde verinés, Gerardo Seoane Fidalgo, quixo facer un chamamento público a veciños/as e visitantes “para que se acheguen ata a vila do Támega, nas datas nas que se celebra a Feira e gocen dos excelentes viños de Monterrei, así como da completa oferta cultural e gastronómica do que é, sen dúbida, un dos eventos máis importante e de maior afluencia de público de Verín e comarca”.
A praza da Alameda será o lugar onde se sitúe o recinto feiral. Ademais das casetas das adegas, estarán presentes postos gastronómicos aptos para todos os públicos. O horario de apertura das casetas incrementarase con respecto ao ano 2022, e será o seguinte: venres 11 de 19.30 a 24.00 h. (venda anticipada a partir das 19.00 horas), sábado 12 de 12.30 a 14.30 h. e de 19.30 a 01.00 h., e domingo 13 de 12.30 a 14.30 h e de 19.30 a 24.00 h. Nesta edición, os prezos volverán ser de 5 degustacións por dez euros e unha copa personalizada da D.O. por dous euros.
O acto inaugural da XVI Feira do Viño de Monterrei realizarase o venres 11, a partir das 20.00 horas, na praza Maior. A persoa responsable de realizar o pregón será Esther Estévez, presentadora do coñecido programa 'Dígocho Eu' da TVG. Previamente á devandita inauguración, na Igrexa Parroquial de Verín terá lugar ás 18:30 h. o acto de imposición de medallas da Confraría dos Viños de Monterrei, que volve realizarse en conxunto coa celebración da feira.
Para coñecer as adegas presentes na mostra e o programa ao detalle pódese acceder á web da D.O. Monterrei.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.