Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/08/2023 | Actualizada ás 14:17
O deputado socialista Julio Torrado afirmou este luns que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, está "desaparecido" como xefe do Executivo galego e que "unicamente" adquire "protagonismo como axente electoral" de Alberto Núñez Feijóo na súa "sucia e errada campaña" para optar á presidencia do Goberno.
Nunha rolda de prensa en Santiago, Torrado afeou os "esforzos" de Alfonso Rueda por "blanquear a ultradereita" de Vox, que "os galegos rexeitaron de maneira contundente e clara" nas urnas e dixo que "dá a sensación" de que o presidente galego "ten ganas de votar por eles nas próximas eleccións".
Fíxoo por mor dunha entrevista concedida polo presidente galego a Europa Press, na que rexeitou "a demonización" de Vox, proclamando que é "un partido constitucional", algo ante o que contrapuxo que Bildu levou a condenados de ETA nas súas candidaturas das pasadas eleccións municipais do 28 de maio. "Vox non fixo iso, nin creo que o fagan xamais. Aí aínda, sinceramente, creo que hai diferenzas", alegou Rueda.
Fronte a iso, Julio Torrado acusou a Alfonso Rueda de "repetir descaradamente argumentarios que lle escriben desde Madrid" e actuar como "secundario de Feijóo", en lugar de "preocuparse polos problemas de Galicia". "Dá a sensación de que non se decatou de que é presidente de Galicia, que non lle gusta, que non se sente cómodo".
O deputado socialista afirmou que Rueda está "a facer unha campaña de promoción de Feijóo, salvando ao soldado Feijóo", e "chegando mesmo a ceder o espazo protocolario" en actos para "que o señor Feijóo adquira protagonismo" mentres Rueda "queda en segundo plano". "Practicamente vai alí a levarlle a chaqueta a Feijóo", dixo o socialista, que pediu que "exerza como presidente de Galicia" e "atenda os problemas dos galegos".
Os socialistas galegos rexistrarán este día no Parlamento iniciativas sobre "cuestións de importancia", entre as que Torrado mencionou o "goteo de recortes en educación", o problema do cánon da auga ou as cuestións do ámbito sanitario, con "problemas para cubrir postos". Sobre en ámbito sanitario, Julio Torrado cargou tamén contra o acordo alcanzado entre o presidente galego e CESM para pagar unha parte importante do complemento específico aos médicos que compatibilizan a pública e a privada.
Esta decisión, dixo Torrado, "non vai incorporar novos médicos na pública", se non que vai encamiñado a "solucionar os problemas de persoal na privada". "Un complemento de exclusividade que o Goberno de Rueda vai pagar por deixar de ser exclusivo, é absurdo", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.