E se quitasen o voo directo a Madrid dende Galicia?

Tendo en conta que o avión é o medio de viaxe con maior impacto ambiental por pasaxeiro e quilómetro, unhas vinte veces máis contaminante que o tren, Francia decidiu prohibir todos os voos nacionais a destinos aos que tamén se pode chegar en ferrocarril en menos de dúas horas e media. Ten Galicia infraestrutura para algo así?

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 09/08/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O avión é o medio de viaxe con maior impacto ambiental por pasaxeiro e quilómetro: emite tres veces máis CO2 que un coche e vinte veces máis que o tren (que os trens actuais, claro). Ademais, o consumo de enerxía e a contaminación é proporcionalmente maior nos voos curtos, xa que o pico máximo prodúcese durante a aterraxe e o despegue.

Tren que efectuou a primeira viaxe polo novo tramo de alta velocidade Pedralba de la Pradería-Ourense
Tren que efectuou a primeira viaxe polo novo tramo de alta velocidade Pedralba de la Pradería-Ourense | Fonte: Jesús Hellín

Para tratar de evitar esta gran contaminación, que fixo Francia? Tomar medidas drásticas, moi drásticas: prohibir os voos curtos, considerando estes aqueles voos nacionais a destinos aos que tamén se podería chegar no tren en menos de dúas horas e media. Debe ser que eles si teñen a infraestrutura ferroviaria suficiente para poder facer isto, porque como unha medida así a traten de implantar en España, ou en Galicia en concreto... Deus nos colla confesados. 

En España si que hai unha rede de alta velocidade desenvolvida, pero aínda non chegou a moitas rexións, senón que llo digan ás grandes cidades da costa galega. O AVE a Vigo para cando? E a Coruña? Xa por non falar de Lugo, que terá que esperar ata que no resto de España xa vaian en trens voadores. E o AVE en Ourense tamén é algo moi reciente, inaugurando fai cousa de dous anos o traxecto cara Madrid cunha duración de 2 horas e cuarto.

Ademais, aínda que chegase a Vigo ou a Coruña, o deseño radial das vías dificulta realizar traxectos transversais, obrigando aos pasaxeiros destas zonas a facer transbordos. E por se isto fose pouco, no noso país, lonxe de apostar polo uso de tren como medio de desprazamento a medias distancias, suprimíronse ou reducíronse frecuencias nalgúns traxectos de media distancia, todo o contrario á filosofía francesa. 

Polo tanto, só cunha rede ferroviaria completa e asequible se podería avanzar na dirección dos nosos veciños franceses. Pero vamos facer un exercicio: agora mesmo, que voos con destino nacional estarían en risco de desaparecer en Galicia se se aplicase a medida francesa tamén ao noso territorio? Tendo en conta os tempos que leva viaxar en tren coa rede actual... Habería algún?

Avión de Vueling
Avión de Vueling | Fonte: DEPUTACIÓN - Arquivo

A única duda, moi no límite, sería o traxecto entre Santiago e Madrid, que agora mesmo, enlazando co AVE en Ourense non chegaría ás tres horas. É a viaxe máis curta que dende Galicia se pode facer polo territorio nacional, tendo en conta que a rexión do noroeste peninsular foi olvidada en materia de mobilidade e transportes por todos os gobernos dende hai anos. Mentres o corredor mediterráneo ten tempos de unha hora entre cidades da costa e Madrid, o atlántico non avanza.

MÁIS DE 5 HORAS PARA CHEGAR A VALENCIA E CASE 9 PARA CHEGAR A BILBAO

Máis aló de Santiago-Ourense-Madrid, non habería ningún outro destino nacional ofertado actualmente polas compañías aéreas que permitise chegar nun tempo inferior a esas dúas horas e media que marca Francia como limiar. De feito, coller un tren para chegar a calquera outro sitio da península que non sexa Madrid é de viaxeiros valentes que non temen pasar horas e horas dentro dun vagón sentados nun asento de 50x60.

Dende o aeroporto de Santiago, o Rosalía de Castro, ofértanse na actualidade trece voos directos con destinos nacionais. Sacando as illas (a onde, obviamente, non se pode chegar no tren: Fuerteventura, Gran Canaria, Ibiza, Lanzarote, Palma de Mallorca e Tenerife), quédase a lista en sete.

Sacando Madrid da ecuación, a cidade máis próxima a Santiago en tren sería Valencia, e a duración do traxecto ascendería a nada menos que 5 horas e 18 minutos (a combinación máis curta), collendo dous AVEs e un tren de cercanías. Pola contra, a máis lonxana sería Bilbao, a onde é imposible chegar por ferrocarril en menos de 8 horas e 35 minutos, tras coller previamente dous buses, facer varias camiñatas intermedias, e tomar dous trens. Sen dúbida as rexións do norte son as peor paradas en tema de infraestruturas e comunicacións.

Polo medio destes tempos estarían Alicante (5 horas e 48 minutos), Barcelona (6 horas e 3 minutos), Málaga (7 horas e 3 minutos), Sevilla (6 horas e 28 minutos) e Valencia (5 horas e 18 minutos). Pero sabedes canto se tarda en chegar en avión a calquera destes destinos? Menos de unha hora, en todos eles: oscilando dende a hora e catorce minutos que leva chegar a Madrid ata as algo menos de dúas horas que leva o voo a Alicante.

DENDE VIGO E A CORUÑA OS TEMPOS AÍNDA SE INCREMENTAN MÁIS

Dende o aeroporto de Vigo, Peinador, hai agora sete voos nacionais. Sacando as illas (Gran Canaria, Palma de Mallorca e Tenerife), quedan catro destinos, e a ningún se pode chegar en tren en menos de catro horas, cando en avión ningún supera a hora e media: a Alicante leva en ferrocarril 7 horas e 47 minutos; a Barcelona, 7 horas e 29 minutos; a Bilbao, 9 horas e 46 minutos; e a Madrid, 4 horas e 12 minutos. E non pensedes que é tomar un tren e xa está, estes horarios son tras facer varios transbordos.

Finalmente, dende A Coruña, dende Alvedro, as cousas non son mellores. Con seis voos nacionais na súa oferta, cinco se sacamos as illas (Gran Canaria), en avión chégase a todos os destinos en menos de 1 hora e 40 minutos, pero en tren a distancia máis curta é a que separa á cidade galega de Madrid, que se faría nunhas tres horas e media. Ata Barcelona levaría 6 horas e 33 minutos; ata Bilbao, 9 horas e 18 minutos; ata Málaga, 7 horas e 33 minutos; e ata Valencia, 5 horas e 48 minutos. En todos eles habería que facer varios transbordos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta