A Deputación de Pontevedra mobiliza máis de dous millóns de euros: igualdade, Erasmus e envellecemento activo entre as prioridades

"Hoxe volvemos ter aquí grandes noticias para a provincia", indicou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López ao dar conta en rolda de prensa dos asuntos aprobados este venres na Xunta de Goberno provincial.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 11/08/2023 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

"Hoxe volvemos ter aquí grandes noticias para a provincia", indicou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López ao dar conta en rolda de prensa dos asuntos aprobados este venres na Xunta de Goberno provincial. Por unha banda, deuse luz verde a unha inxección económica de 140.000 euros destinada ao Concello de Salvaterra para a reparación dos danos causados polas inundacións do último inverno. Estas actuacións executaranse en sete lugares pertencentes a seis parroquias deste municipio.

Ademais, a Deputación de Pontevedra dedica 410.000 euros ao "fomento da igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia de xénero". Por unha banda, repártense axudas a 49 concellos cunha contía de 260.000 euros, e tamén 150.000 euros para 29 entidades sen ánimo de lucro con sede en 11 concellos. Con esta liña de axudas, as entidades sociais poderán presentar proxectos de sensibilización, formación e prevención da violencia de xénero; atención integral a vítimas da violencia machista, fillos e persoas dependentes ao seu cargo; ou actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades, entre outras actividades.

A Deputación de Pontevedra tamén aprobou unha orde de axudas de 90.000 euros que irán destinadas a apoiar a actividade de escolas de música da provincia xestionadas por asociacións sen ánimo de lucro. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva na que se terá en conta o número de alumnos, de docentes ou o orzamento da escola, especialidades impartidas, entre outros factores.

ERASMUS +

O presidente da Deputación de Pontevedra tamén informou da aprobación do proxecto que presentou esta administración provincial á convocatoria de propostas do programa europeo Erasmus +, para que estudantes recentemente titulados de Formación Profesional poidan participar neste programa de mobilidades europeas que lles axudará na súa integración no mundo laboral a través de prácticas laborais en empresas e institucións estranxeiras.

A través desta iniciativa prevense realizar ata 90 mobilidades de seis meses para o alumnado e 10 mobilidades de aprendizaxe de docentes e persoal en países como Alemaña, Bélxica, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Islandia, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal, Romanía ou calquera outro que estea integrado no programa Erasmus+.

O xestor deste programa europeo Erasmus+ en España, o SEPIE, acrónimo do Servizo Español para a Internacionalización da Educación, concedeu á Deputación de Pontevedra 1,2 millóns de euros para este programa mentres que a institución provincial achega 200.000 euros son achegados de fondos propios da Deputación de Pontevedra.

DEPOTERMAL

Por último, a Xunta de Goberno Provincial deste venres adxudicou as prazas para as 2.447 persoas que van participar no programa 'Depotermal', unha iniciativa que ten como finalidade fomentar o envellecemento activo en balnearios, talasos ou spas da provincia.

A iniciativa ten a finalidade fomentar o envellecemento activo para mellorar a calidade de vida das persoas participantes e tamén pretende dinamizar a economía mediante o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

O plan 'Depotermal' conta con dúas modalidades: unha de asistencia diaria a balnearios durante cinco mañás ou tardes consecutivas (700 prazas) e outra con pernoctación en réxime de pensión completa, de domingo a venres (con 1.800 prazas).

Depotermal
Depotermal | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta