Organizacións ecoloxistas alertan da grave situación ambiental de Galicia e piden unha Lei do Clima

O Anteproxecto desta lei non inclúe obxetivos para favorecer á transición ecolóxica e cumprir co establecido no Acordo de París.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/08/2023 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Amigas da Terra, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e o Observatorio Galego da Acción Climática remitiron numerosas suxestións á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para demandar unha Lei galega do Clima á altura das responsabilidades e capacidades de Galicia na loita contra a emerxencia climática.

Cambio climático
Cambio climático | Fonte: WWF España.

Ditas organizacións alertan que o Anteproxecto de Lei do Clima de Galicia non inclúe obxectivos vinculantes e ambiciosos para a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro. Sinalan que tampouco en materia de enerxía, a pesar de que a súa transformación e consumo é responsábel do 71% das emisións territoriais de Galicia. Ademais, atrasa o horizonte para lograr a neutralidade climática (emisións netas cero) a 2050, cando sería factible atinxila en 2040 ou incluso antes, o que estaría máis en liña co Acordo de París.

Por iso denuncian que, na súa versión actual, a Lei do Clima apenas define medidas de recorte das emisións e de adaptación á crise climática por sectores e ignora ou aborda deficientemente aspectos fundamentais para a transición ecolóxica como a educación ambiental, a fiscalidade verde, a transición xusta ou a participación cidadá. Subliñan que, na realidade, achega poucas novidades á acción climática, entre as que cabería salientar a creación dos orzamentos de carbono e a introducción da perspectiva climática nas políticas públicas.

A pesar da situación crítica aínda non é tarde para evitar un quecemento global superior a 1,5 ºC pero para iso cómpre unha redución rápida e drástica das emisións de gases de invernadoiro. Esta década é crucial e Galicia debería diminuír un 65% as súas emisións para 2030 con respecto a 1990.

“É crave aproveitar a Lei do Clima para outorgar un maior peso a fomentar a creación de comunidades enerxéticas a nivel local e acometer reformas de normativas que quedaron obsoletas en materia climática para garantir uns procedementos e un marco normativo favorable ao autoconsumo que permita cumprir coa ambición climática galega”, sinalou Raquel Fernández, voceira de Amigas da Terra.

“Xa estamos sufrindo moitos dos efectos do cambio climático, é tempo de ser valente e lexislar para acadar un futuro mellor. Precisamos dun compromiso real dos nosos políticos e de medidas concretas, non só papel mollado”, declarou Ana Freiría, voceira de Ecoloxistas en Acción. 

Moitas suxestións á Lei do Clima de Galicia das devanditas organizacións ecoloxistas insisten na necesidade de democratizar e acelerar a transición enerxética para lograr a tempo e de forma xusta as reducións das emisións necesarias. 

“A proposta de Lei do Clima renuncia a introducir medidas que corrixan as eivas sociais e ambientais da política eólica, chave para avanzarmos no recorte das emisións. Cómpre un forte crecemento adicional da potencia eólica en Galicia, pero con menor impacto territorial e maiores beneficios sociais que ata hoxe”, afirmou Xosé Veiras, impulsor do Observatorio Galego da Acción Climática. 

As emisións de gases efecto invernadoiro (GEI) baixaron en Galicia nun 34% entre 1990 e 2021, grazas principalmente ao desenvolvemento eólico e á caída da xeración eléctrica con carbón, que debería rematar este mesmo ano. Para atinxir reducións ambiciosas sinalan que é prioritario substituír rapidamente a enerxía fósil a través do decrecemento do consumo e dun maior despregue das renovábeis. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta