Xa se coñece o nome das dúas orcas que entraron na ría de Arousa: 'Gael' e 'Prior'

O Grupo de investigación internacional Orca Atlántica (GTOA) identificou aos dous exemplares, ambos machos, un de dez anos e outro de seis, irmáns.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 22/08/2023 | Actualizada ás 17:02

Comparte esta noticia

O Grupo de investigación internacional Orca Atlántica (GTOA) identificou aos dous exemplares de orcas que entraron na ría de Arousa. A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) explicou, nun comunicado, que mediante o catálogo que ten GTOA de FotoID, composto por 35 exemplares de subpoboación Ibérica, puido comprobar que se trata do exemplar macho 'Gael', de dez anos, e do seu irmán 'Prior', que ten seis.

A continuación, puntualizou que estas orcas "non foron observadas nunca" interaccionando cos barcos pesqueiros ou veleiros e explicou que o seu carácter é "moi tranquilo e pacífico". Este ano víronas no Estreito de Xibraltar e 'Gael' entrou, no principio do ano, na costa marroquí cunha sedela e un azuelo cravado nun costado. Estas orcas, detallou o Cemma, pertencen a unha "pequena comunidade" denominada polo GTOA como 'Comunidade E', composta por catro exemplares que, neste momento, non son observados xuntos.

O AVISTAMENTO

O avistamento produciuse, o pasado domingo, nas inmediacións da illa de Sálvora polos participantes nunha actividade de observación de aves a bordo do barco 'Chasula'. Os dous exemplares dirixíronse ao interior da Ría pola súa cara norte, moi próximos á costa, estaban na zona de Touro, a menos de 200 metros da liña de marea, e a última hora da tarde saíron polas inmediacións de Noro.

Desde a embarcación deron aviso a Salvamento Marítimo que mobilizou embarcacións da Garda Civil, Cruz Vermella e Club Náutico de Ribeira para facer un seguimento. Ademais, alertaron ás embarcacións da zona, custodiaron que ninguén se achegase e informaron a Salvamento Marítimo e ao Cemma da evolución dos cetáceos. Con todo, a última hora da tarde do domingo un barco do IEO-CSIC comprobou que saíran da Ría.

Orcas ría de Arousa
Orcas ría de Arousa | Fonte: PABLO COVELO - CEMMA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta