A onda de calor abrasa Galicia e os termómetros alcanzan os 43 graos en Valdeorras

As outras catro temperaturas máis elevadas de Galicia este martes tamén foron na provincia de Ourense, a máis afectada pola alerta de calor. En concreto, chegouse aos 41,9 graos en Larouco, aos 41,8 graos na cidade de Ourense, a 41,7 graos en Leiro e a 41 na unidade medidora da estación de Ourense.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/08/2023 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

A onda de calor que desde o luns afecta a Galicia elevou este martes os termómetros por encima dos 40 graos en distintos puntos da comunidade, especialmente na provincia de Ourense, onde se rexistrou a máxima da xornada, en Vilamartín de Valdeorras, con 42,9 graos centígrados.

Esta localidade valdeorresa foi, por segunda xornada consecutiva, a máis cálida da comunidade, aínda que o martes o mercurio subiu 4 graos máis que a temperatura máis alta do luns. Ás 17.00 horas, a estación de Meteogalicia rexistraba 42,9 graos nesta zona, que estaba en alerta vermella por calor.

A Praia de Panxón chea de persoas durante a onda de calor
A Praia de Panxón chea de persoas durante a onda de calor | Fonte: AGOSTIME

As outras catro temperaturas máis elevadas de Galicia este martes tamén foron na provincia de Ourense, a máis afectada pola alerta de calor. En concreto, chegouse aos 41,9 graos en Larouco, aos 41,8 graos na cidade de Ourense, a 41,7 graos en Leiro e a 41 na unidade medidora da estación de Ourense.

No sur de Lugo tamén se subiu dos 40 graos en localidades como Pantón e Ribas de Sil, con 40,4, e Monforte, onde se marcaron os 40,3 graos. Na provincia de Pontevedra, a temperatura máis alta foi a de Arbo, onde os termómetros chegaron aos 39 graos; mentres que na Coruña a máis elevada foron os 37,9 graos rexistrados tanto en Lousame como en Boqueixón. No outro lado da balanza, as temperaturas na costa foron máis suaves e as máximas máis baixas estiveron na Mariña Lucense, cos 18,8 graos de Viveiro ou os 19,1 de Burela.

OURENSE, EPICENTRO DA CALOR

Ourense adoita ser un dos epicentros das altas temperaturas en Galicia e, aínda que os meses de xuño e xullo foron suaves, agosto entrou de cheo con calor e unha cuarta onda que estes días vive os seus puntos álxidos nesta provincia. O certo é que as alertas decretadas (vermella en Valdeorras e laranxa no Miño) fixéronse notar nos termómetros ao longo desta xornada que, xunto coa do mércores, son aquelas nas que se esperan as temperaturas máis altas.

Ademais das altas temperaturas de Valdeorras, na capital ourensá a calor tampouco pasou desapercibida, aínda que foi máis en sensación térmica que nos termómetros. Mentres Meteogalicia rexistraba 41,5 graos, os termómetros das rúas non superaban os 40, aínda que a sensación térmica é moito maior debido á orografía do terreo. Precisamente hai xa un ano e tamén en tempada estival, o rexedor ourensán, Gonzalo Pérez Jácome, anunciaba que solicitaría á "Xunta de Galicia, ao Estado español e a Europa todas as vías de financiamento posibles" para duplicar o número de árbores do concello. Entón eran 10.000 en todo o termo municipal, 4.000 nas rúas e 6.000 nas zonas verdes.

A cifra non cambiou e é que xa entón o alcalde advertía de que sería unha medida que daría "froitos seguramente en sete ou oito anos". "Non mitigará a próxima onda de calor do 2023, pero si axudará ás do 2030 ou ás do 2032", dicía entón. A súa intención era incrementar a zona verde e perder prazas de aparcadoiro porque cada dúas ou tres prazas "haberá que deixar un oco para unha árbore", un exemplar que pretendía que fose "frondoso, cun tronco curioso e unha follaxe importante para que absorba a radiación e proxecte sombra e refresco".

Polo momento, e a falta de máis árbores, os ourensáns acudiron aos seus grandes aliados: ríos e piscinas. Oira, a praia fluvial de Antela e as piscinas de Monterrei foron as zonas elixidas na capital, así como os parques infantís con xogos acuáticos. Mentres que, como xa é costume nestas épocas do ano, o encoro de Castrelo de Miño e as pozas de Melón foron escenarios dos mergullos lonxe das Burgas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta