Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/08/2023 | Actualizada ás 11:25
A Representación Sindical dos Bombeiros Comarcais de Galicia solicitou formalmente unha reunión coa Xunta de Galicia e as Deputacións Provinciais para o vindeiro 5 de setembro. É a nova petición que fan dende que o 2 de agosto xa tentaran reunirse coas dministracións sen éxito porque os responsables políticos de prestar o Servizo de Emerxencias "ían de vacacións" e non estaban dispoñibles para falar dun problema que ten afección directa na cidadanía.
A representación dos traballadores creou e intentou facer chegarlles un Protocolo de Colaboración para lograr un marco de diálogo e colaboración en aras a normalizar o funcionamento dos catro consorcios provinciais de Bombeiros.
O protocolo recolle todo o que levan reclamando os traballadores na folga de bombeiros, é dicir, a estabilización de prazas e crear un Convenio Colectivo común aos 4 Consorcios Provincias, facilitando así que a Xunta de Galicia asuma as súas obrigas respecto da Lei 5/2007 de Emerxencias de Galicia, que na súa Disposición Adicional Terceira establece que a Xunta impulsará as accións necesarias para homoxeneizar no prazo de tres anos as prestacións e condicións de traballo do persoal dos Consorcios Provinciais
Por todo isto os bombeiros recordan que "a responsabilidade de prestar o Servizo de Emerxencias é da Xunta de Galicia e das Deputacións Provinciais e que os peches dos parques, que se están a producir a diario por toda Galicia, prodúcese pola ineptitude e falta de capacidade dos nosos dirixentes", denuncian dende os sindicatos.
Ademais, os propios traballadores afirman que "a pesares de estar en folga dende o día 15 de xuño, ata o de agora non se secundou a folga por parte de ningún traballador e a única medida que se está a tomar dende a parte traballadora é a de cumprir có horario e as quendas establecidas por cuadrante, que son as máximas establecidas por lei, e non facer horas extra voluntarias. Soamente con isto demostramos o servizo precario, mal dimensionado e nefastamente xestionado que prestan Xunta e Deputacións a través do Consorcios Provinciais" .
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.