Por E.P. | Santiago de Compostela | 31/08/2023 | Actualizada ás 13:03
A localidade pontevedresa de Sanxenxo culminará agosto cunha ocupación media do 91%, un dato que mellora os resultados de xullo e que eleva ao 80% o total dos meses centrais do verán, segundo o Consorcio de Empresarios Turísticos do municipio das Rías Baixas.
Nun comunicado, explican que os hoteis de tres e catro estrelas, apartamentos turísticos e cámpings igualaron as cifras de 2022 con nove de cada dez camas ocupadas. En canto aos locais de hostalaría, a segunda quincena de agosto mellorou os resultados da primeira, aínda que os empresarios perciben unha "contención no gasto" dos visitantes.
"Foi unha tempada estival irregular pero o bo tempo permitiu que se traballase moi ben especialmente no tres primeiras semanas do mes, ata o 27 de agosto tivemos unha ocupación rozando o 100%", manifestou o presidente do CETS, Alfonso Martínez.
Así pois, o balance dos empresarios da hostalaría de Sanxenxo é positivo, aínda que sinalan como "grandes preocupacións" o elevado número de reservas feitas a última hora e o "importante déficit" de man de obra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.