Resulta moi difícil por non dicir imposible de entender, como a estas alturas da historia, recuperadas hai décadas as institucións democráticas, aínda os galegos que padeceron o presidio e o exterminio en Mauthausen e noutros campos nazis, non tiveran unha rehabilitación e honra como merecen.
Resulta desolador constatar que goberne quen goberne en Galicia, tanto sexa o Partido Popular, o PSOE ou o Bloque, nunca a Xunta de Galicia plantexou reparar esta dolorosa débeda histórica. Algo que como galego e como ser humano non podo nin entender nin moito menos aceptar. Sexa desidia ou insensibilidade, é unha imperdoable falta de respecto para con eses galegos, compatriotas na morte de 6 millóns de xudeus exterminados no Holocausto. Insensibilidade que tristemente non é exclusiva dos galegos que pasaron ou morreron en Mauthausen.
Nos últimos anos dúas veces foi solicitado oficialmente no Concello de Vigo que o doutor vigués Eduardo Martínez Alonso, quen durante a II Guerra Mundial artellou unha arriscada ruta de fuxida desde os Pirineos ate Tui, atravesando a España franquista, salvando así a vida de incontables fuxitivos xudeus e refuxiados políticos que desde a Francia ocupada pola Alemaña nazi soñaban con chegar a Lisboa, tivera unha rúa dedicada na súa cidade natal, solicitudes estas que non tiveron nunca nin tan sequera resposta da nosa Alcaldía. Semella que unha nube gris cinza envolve en Galicia a todas as vítimas que padeceron durante o Holocausto.
Desde que no verán de 2009 falecera quen foi o derradeiro supervivente galego de Mauthausen, o ferrolán Marcelino Pardal, xa non queda ninguén con vida que poida dar testemuño directo do seu paso polo campo nazi. É agora entón, cando deberamos ser nós, os que non aceptamos o pago co esquecemento, os que manteñamos viva a súa memoria e a demanda para que as nosas institucións rehabiliten, dignifiquen e reparen esta dédeba que dura xa setenta longos anos.