Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/09/2023 | Actualizada ás 12:12
O presidente da Xunta e líder do PP, Alfonso Rueda, proporá ao deputado José Alberto Pazos como novo voceiro parlamentario do seu grupo logo da marcha de Pedro Puy a Madrid tras ser fichado para as listas do PP por Feijóo.
Alberto Pazos é un político da máxima confianza de Rueda. Ten 51 anos e leva desde 2016 no Parlamento de Galicia, onde xa fora brevemente deputado no ano 2013. Nestas dúas lexislaturas foi, sucesivamente, portavoz de Exteriores e Cooperación, de Política Social e de Sanidade. Nestes momentos era viceportavoz segundo do Grupo Parlamentario Popular. Previamente foi concelleiro en Redondela, deputado provincial e, entre 2013 e 2016, director xeral de Administración Local na Xunta, dentro da Vicepresidencia.
Alberto Pazos tamén ocupou cargos importantes na estrutura do PPdeG: entre 2016 e 2022 foi secretario de Organización e, desde 2022, vicesecretario de Familia. "A ampla experiencia de Pazos tanto a nivel parlamentario como no Partido, na política municipal e na autonómica permitiralle exercer o cargo coa ambición e visión de conxunto que require, sucedendo con garantías a un gran portavoz como foi Pedro Puy", apuntan fontes do PPdeG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.