Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2023 | Actualizada ás 18:12
Galicia quenta motores para o arranque do curso escolar, no que volverán ás aulas máis de 225.000 alumnos de todos os niveis e que estará marcado especialmente pola subida de prezos e o encarecemento da vida, co que apunta que será o "máis caro" para as familias.
Se setembro xa marca habitualmente unha costa tras o verán para as familias con nenos en idade escolar, que deben de facer un importante investimento á volta das vacacións, a inflación e o aumento doutros gastos para os pais fan desta volta ao cole algo aínda máis complicado.
Neste sentido, o Informe Europeo de Pagos de Consumidores de Intrum recollía esta mesma semana que 3 de cada 4 familias galegas recoñece que se endebedará para comprar artigos para o colexio dos seus fillos. En concreto, o 76% afirma que recorrerá a prestamos ou anticipos de cartón para poder financiar estas compras.
Roupa nova, material escolar e libros de texto --que en xullo custaban xa case un 5% máis que o ano anterior-- son os principais investimentos para as familias galegas que, segundo a Organización de Consumidores e Usuarios, afrontarán un gasto medio de 500 euros por neno este ano, unha cifra que outras fontes, como o portal Kelisto.es, eleva por encima dos 700 euros.
Consultada por Europa Press, a vicepresidenta da Confederación de Anpas Galegas, Isabel Calvete, cualificou de "angustioso" o panorama para moitas familias, sobre todo aquelas que deben recorrer aos créditos para afrontar estes gastos.
"A subida de prezos vémola todos cando imos encher ou cando imos ao super. Pois se a iso súmaslle, en setembro, unha familia con dous fillos, por exemplo, que meta de 700 a 1.000 euros na volta ao cole... é bastante absurdo", denunciou.
Explica Calvete que desde a Confederación prevén unha volta ao cole "caótica", "como todos os anos", e "máis cara" que en anos anteriores. "Sospeitamos que será outro pau para as familias e a educación pública. O ensino público e gratuíto non pode custar o que custa. É un dereito constitucional", argumentou.
AXUDAS
Para contrarrestar en parte este aumento do gasto, a Xunta incrementa este curso en máis dun 12% a contía das axudas para comprar libros de texto e amplía nun 40% os beneficiarios do vale para material escolar, ata chegar aos 130.000 alumnos.
Neste último caso, todas as familias con renda per cápita igual ou inferior a 10.000 euros poderán recibir este bono que oscila entre os 60 e 75 euros, algo ao que ata agora só accedían os fogares con renda inferior a 6.000 euros. Do mesmo xeito, segundo apuntou a Xunta, aumentan tamén as axudas par adquirir libros de texto. O orzamento total pasa de 5,9 millóns de euros a 6,7. En xeral, as familias recibirán entre 160 e 270 euros --en función da renda--, fronte aos 140 e 240 euros do pasado curso.
Ademais, a Xunta manterá o banco gratuíto de libros de texto que teñen os colexios galegos e que permite que alumnos de entre 3º de Educación primaria e 4º de ESO reciban os manuais que necesitan sen que as familias teñan que asumir ningún custo.
MÁIS DE 225.000 ESCOLARES ÁS AULAS
O luns 11 volverán ás aulas de forma simultánea todos os alumnos dos niveis educativos non universitarios. Serán, así, máis de 225.000 escolares que vivirán na mesma xornada o seu primeiro día de clase do curso 2023/2024.
Segundo datos da Xunta, serán 127.567 alumnos de Infantil e Primaria --2.643 alumnos menos que o ano anterior--, 69.538 de ESO --960 máis-- e 27.908 de Bacharelato --115 menos--, que se repartirán en case 12.000 aulas por toda Galicia.
CASE 65.000 CON LIBRO DIXITAL
Do total de alumnos que cursarán este ano en Galicia, 64.200 escolares pertencentes a 630 centros educativos estudarán con libro electrónico dentro do programa E-Dixgal da Xunta, que incorpora para este novo curso 34 novos centros. Dos novos incorporados, 14 corresponden á provincia de Pontevedra, 12 á da Coruña, catro á provincia de Ourense e outro catro á provincia de Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.