Os fachos de Grosso Teatro en 3016

Dámoslle ao teatro o recoñecemento que merece? No cine e na televisión as múltiples tomas permiten que se resolvan os posibles erros e defectos na interpretación dunha obra. Non é así no mundo do teatro, onde cada representación é un salto sen rede.

Por Ramón Torrado | Ribeira | 16/05/2015

Comparte esta noticia
No caso dos actores célebres, é de admitir que non soamente non repele senón que gusta ver os rostros máis coñecidos en distintos papeis. Na nova serie “Hospital Real” emitida na Televisión de Galicia atopámonos con actores familiares: a doutora Berta de “Mareas vivas”, o Padre Casares, o actor de “Médico de familia” e “Águila Roja”, o de “Era visto”,  Petróleo... 
 
Estrelas como Al Pacino ou Kenneth Branagh – que fixeron interesantes exploracións do mundo do teatro en Buscando a Richard (Pacino, 1996) e No máis cru do inverno (Branagh, 1995) – ou Kate Winslet, por dar tres exemplos foráneos, gañan cantidades astronómicas por engadir a súa faciana e o seu talento a un proxecto. Teñen ademais como actores consagrados o salvoconduto artístico en cada estrea de que o espectador pense: non o fixeron ben desta vez, pero xa demostraron sobradamente a súa valía no pasado.
 
Porén, que sucede cando os actores son novos para o gran público? Se cadra hai unha certa amable indulxencia por ser amadores, pero a impaciencia e incluso un malestar estendido pola situación de crise, corrupción e traxedias de toda caste crea unha esixencia máis pronunciada.
 
No caso das dúas mozas e dos dous mozos que forman a novísima compañía teatral chamada Grosso como aquel famoso dianteiro do Real Madrid, existen uns inicios no grupo Teatro do Improvisto de Boiro, pero nada máis. Na súa primeira actuación en Compostela, enmarcada nun ciclo de teatro universitario, interpretaron unha obra escrita por eles mesmos, incrementando así os riscos do fracaso.
 
Non foi tal. A obra acadou o éxito por varios motivos. En primeiro lugar, porque parten dun magnético guión. En segundo lugar pola acertada participación do técnico de luces e son Adrián Pazos. O terceiro lugar é para o elenco, que merece apartados individuais.
 
Ricardo Manuel. A carismática presenza deste actor impresiona. Metido en situacións moi cambiantes no papel de Robert Walker, transmite misterio e profundidade, coma un campo de visión sen referentes.
 
Sara Nieto. Nun papel dobre, Sara Nieto fai con eficacia das dúas mulleres na vida de Robert Walker. Son papeis de réplica necesarios, pero non dan pé a tanto lucimento como os das outras personaxes.
 
Ruper Sánchez. Convertido en oficial de voo, Ruper Sánchez conquista ao público con simpatía e tenrura. Aporta un toque de humor fundamental na traxicomedia e tamén unha certa fraxilidade humana moi cativadora. 
 
Rocío Sánchez. Unha argallante estrela dos escenarios nada menos é o que apunta esta actriz cunha soberbia interpretación. Logra contactar con cada membro do público coa súa simpatía e paixón, chegando a un cambio no tramo final que torna aínda máis admirable a súa pegada na obra.
 
Os catro actores convértense en fachos que alumean por un intre a zona gris ou negra das nosas vidas. Con todo, é un intre moi breve. A obra creada por eles mesmos é tal vez algo curta coa duración de corenta minutos. Poderíanse engadir detalles e interese ás personaxes de nai e filla que encarna Sara Nieto. Tamén se poderían posiblemente mellorar dúas partes do guión: unha crucial chamada telefónica que corre o risco de estenderse cara ao sentimentalismo e unha conversa nun banco que non chega a ser escoitada por completo.
 
Esta primeira aventura teatral de Grosso Teatro é por enriba de todo unha experiencia conmovedora. Un elemento de extraordinaria orixinalidade que non se pode desvelar enriquece o conxunto e faría as delicias de Carl Gustav Jung. Hai realmente moitos motivos para sentir esperanzas coa prometedora iniciativa destes catro mozos ilusionantes que foron quen de crear da nada esta magnífica representación da vida chamada 3016.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.