Mantense a situación de seca prolongada no norte de Galicia, dende o río Mero ata a ría de Ribadeo

A Xunta aposta polo Plan da seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, a coordinación das administracións e a implicación dos cidadáns como ferramentas para mellorar a xestión da auga.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2023 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

A Xunta aposta polo Plan da seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, a coordinación das administracións e a implicación dos cidadáns como ferramentas para mellorar a xestión da auga. Así o defendeu a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, na súa comparecencia na Comisión 2ª do Parlamento, onde sinalou que a xestión dos episodios de seca require da colaboración entre a Xunta, os concellos, responsables das redes de distribución, os xestores deses sistemas, e os usuarios da auga.

Sinalou ademais que na Demarcación Galicia-Costa actualmente está activada a situación de prealerta por escaseza nos sistemas do río Lérez e da ría de Pontevedra, do río Grande, ría de Camariñas e Costa da Coruña ata o Río Anllóns e do río Mero, Arteixo e ría da Coruña. A este respecto, lembrou que está vixente a aplicación de medidas equivalentes á prealerta por escaseza no subsistema de Baiona. Ademais, mantense a situación de seca prolongada no norte de Galicia, desde o río Mero ata a ría de Ribadeo.

Así mesmo, remarcou que Augas de Galicia realiza un seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis dos ríos, encoros e acuíferos da demarcación Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. A semana que vén celebrarase unha nova reunión da Oficina Técnica da Seca, na que se espera constatar "unha lixeira mellora da situación debido ás precipitacións dos últimos días". Analizarase o estado actual das reservas hídricas e as predicións meteorolóxicas para a primeira quincena de setembro.

APOIO DOS CONCELLOS

Por outra banda, a Xunta busca contar cunha planificación que permita anticiparse, mellorar as instalacións de abastecemento e ter máis sistemas de control para coñecer en tempo real toda a información. Non entanto, a directora de Augas de Galicia insistiu en que os concellos deben dotarse tamén de plans de emerxencia municipal ante situacións de seca, que permiten o establecemento de medidas específicas a nivel local, reducindo a vulnerabilidade.

Para iso, sinalan que o Goberno galego concedeu subvencións a 109 municipios para redactar plans de emerxencia ante situacións de seca, mobilizando un orzamento de 1,3 millóns de euros. Tamén entregou 77 axudas a municipios para realizar auditorías nas redes de abastecemento, encamiñadas a obter información sobre a porcentaxe de perdas de auga, o que posibilitará tomar medidas para enfrontar mellor as situacións de escaseza de auga.

Apuntan tamén que están activas as subvencións para instalar caudalímetros ou mecanismos de dixitalización para coñecer con exactitude todo o sistema de abastecemento, detectar deficiencias e proceder á súa reparación.

Vista da ría desde o Miradoiro de Santa Cruz, a 4 de febreiro de 2023, en Ribadeo, Lugo
Vista da ría desde o Miradoiro de Santa Cruz, a 4 de febreiro de 2023, en Ribadeo, Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta