Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/09/2023 | Actualizada ás 12:30
A presenza en Santiago de Pokey Lafarge, Nick Waterhouse e Nikki Hill nesta edición do festival, que se celebrará do 3 ao 25 de novembro, reafírmao como festival de referencia da música negra en Galicia.
"Calquera deses tres artistas tería sido un gran cabeza de cartel único da súa edición. O que nunca pensamos era poder contar cos tres no mesmo ano", explican dende a organización do festival, testemuñando o carácter cada vez máis ambicioso desta cita musical.
DESLOCALIZACIÓN E PROGRAMA ESPECIAL DE RADIO 3
Entre as novidades desta edición do Outono Códax destaca o feito de trasladar actividades paralelas e un dos seus concertos a Madrid. Será o de Sarah Shook & The Disarmers, que se celebrará o 7 de novembro na sala Clamores, como unha primeira aproximación para poñer en valor a programación do festival e expandir a súa notoriedade.
O resto dos concertos terán por escenario a Sala Capitol e o Riquela Club de Santiago. A Capitol acollerá, de feito, outra novidade do festival, como é a emisión en directo, o xoves 23 de novembro, do programa "El sótano", de Radio 3, que dirixe e presenta Diego RJ.
GRAN CARTEL PARA ESTA EDICIÓN
Na vertente musical, ademáis de Pokey Lafarge, Nick Waterhouse e Nikki Hill, cómpre salientar a presenza de Sunny War. A aclamada cantautora norteamericana de bluegrass será a encargada de abrir o Outono Códax o 3 de novembro. Outras figuras emerxentes do blues, o country e o soul que estarán nos carteis son Dylan Leblanc ou Kassi Valazza, este último artista de culto entre os novos cantautores de vangarda norteamericanos.
A presenza galega no festival confórmana Momboi e The Bo Derecks, que compartirán xornada con Pokey LaFarge (4 de novembro) e Nikki Hill (24 de novembro).
Así pois, un ano máis e baixo o apoio e colaboración de Bodegas Martín Códax, o festival impulsado por Raíña Productions e A Reixa achegará a Galicia o mellor do soul, jazz, swing ou blues a través dunha coidada programación que conta coa participación de artistas de referencia internacional e unha boa representación do blues e do rock español –como é o caso de Kamikaze Helmets-- e dúas bandas galegas representativas do panorama actual.
A programación do Outono Códax 2023 completarase coma sempre cunha ampla programación de actividades paralelas que se dará a coñecer nas vindeiras semanas.
ENTRADAS E ABONO
Os abonos e as entradas estarán a venda en Santiago en A Reixa Tenda-Matrioska e a través de ataquilla.com cun prezo polo abono para os 4 concertos da sala Capitol de 49 euros (máis gastos de xestión), para os 50 primeiros compradores, e de 59 euros (+gx) para o resto.
As entradas por día para os concertos da Capitol terán un prezo de 19 euros (+gx) en venda anticipada e 22 euros (+gx) na billeteira; e as entradas por día para os concertos que se celebren no Riquela Club terán un prezo de 15 euros (+gx) en venda anticipada e 17 euros (+gx) na billeteira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.