'Quen son elas?', un podcast sobre deporte feminino, premiado coa VIII Bolsa Nacho Mirás

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/09/2023 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

O xurado da oitava edición da Bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, decidiu premiar o proxecto Quen son elas?, de Cinthia Piñeiro Acevedo, un programa radiofónico que pretende abrir un espazo de difusión ao deporte galego de disciplinas pouco coñecidas, así como ao papel da muller no deporte.

Bolsa Nacho Mirás.. XORNALISTAS
Bolsa Nacho Mirás.. XORNALISTAS

 O xurado, formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela, valorou no proxecto gañador "a forma de achegarse á comunicación deportiva desde dúas perspectivas distintas: por un lado, facendo fincapé nos deportes minoritarios, e, por outro, pola súa perspectiva de xénero, dándolle voz e protagonismo ás mulleres", así como "a boa planificación incluída na candidatura, que permite albiscar que o proxecto pode ter continuidade no tempo".

Quen son elas? é un programa radiofónico a través de YouTube que pretende abrir un espazo de difusión aos deportes minoritarios e minorizados en Galicia, mais tamén o de ter a ollada posta na perspectiva de xénero. Cada programa estará formado por unha entrevista duns vinte minutos a deportistas ou persoas con cargos vinculantes no deporte, acompañada de dúas seccións secundarias que irán alternando entre as seguintes: Efeméride (reportaxes sobre días conmemorativos oficiais vinculados co deporte e coa data de publicación), Faino como Virginia Switzer (historias de deportistas galegas veteranas), Os clásicos galegos (sobre deportes tradicionais) e Pequenas promesas (informacións das campioas que xa comezan a dar os seus primeiros resultados en competicións de alto rendemento).

Nas entrevistas aparecerán mulleres e homes, mais as seccións secundarias estarán dedicadas exclusivamente á historia de discriminación deportiva feminina. O proxecto busca, polo tanto, crear unha comunicación xornalística na que se aborden contidos doutras actividades alén do fútbol masculino. O proxecto foi presentado Cinthia Piñeiro Acevedo, que acadou o Grao de Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela o pasado ano 2022. 

A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formarse o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles, para que atopen o seu camiño profesional. Nas edicións anteriores, foron galardoados coa bolsa os proxectos MediaMapa.Gal e Punto e volta (2016), Feira (2017), Pícaros.gal (2018), Entrelinguas (2019), éDeporte (2020), A Cousa e Zoom na Bagatela (2021) e Notas á marxe (2022).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta