Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2023 | Actualizada ás 19:14
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, avogou por aproveitar a experiencia dos Centros de Información á Muller (CIM) para apoiar a este colectivo nas súas necesidades. En concreto, Galicia conta con 84 CIMs, que atenden a unha media de 9.500 usuarias ao ano.
A conselleira participou este martes nunha reunión do Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero (Observatorio LGTBI), na que se mostrou partidariamde intensificar as relacións coas entidades do terceiro sector que traballan coas persoas LGTBI.
Diso informou a Xunta nun comunicado, no que explica que Rivo asistiu por primeira vez a unha sesión do Observatorio LGBTIQ+, na que aproveitou para tender a man ao tecido asociativo para intensificar a colaboración coas entidades co obxectivo de iniciar un traballo próspero para mellorar as vidas das persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade.
O departamento autonómico destacou que a Xunta traballa por unha Galicia diversa, na que todas as persoas teñan garantidos os seus dereitos. Tal e como especificou, o Observatorio reforzarase para afrontar os retos que esixe a loita contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero e combater cunha ferramenta eficaz o discurso de odio. Ademais, tratarase de incrementar as reunións deste órgano.
A Xunta lembrou que o Observatorio é un órgano colexiado, con carácter consultivo e de participación social. Está integrado pola Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), as tres universidades públicas galegas, a Delegación do Goberno, os sindicatos UGT, CC.OO., CSIF e CIG e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Ademais, está aberto á participación das entidades que traballan en defensa deste colectivo.
CRÍTICAS DO PSDEG
Tras coñecerse a intención da Xunta, o secretario de Dereitos LGBTI do PSdeG, Javier Carballo, denunciou que o Goberno do PP pretenda "concentrar" os servizos de atención ao colectivo nos CIM, "desviándose do que marca a lexislación autonómica". O socialista criticou que "unha vez máis o Goberno galego perverta un compromiso social de loita contra a vioelncia machista e a LGTBIfobia".
Por iso, esixiu que se cren centros propios, como estipula o artigo 8 da Lei pola Igualdade de Trato e Non Discriminación LGTBI de Galicia, que recolle o seu compromiso de crear uns centros específicos para o asesoramento do colectivo. "A Xunta, lonxe de cumprir coa devandita norma, reafírmase na infamia que supón derivar estas competencias nos CIMs sen destinar máis recursos nin dotar de máis persoas e moito menos prover de máis formación aos traballadores e traballadoras cos que se conta nestes servizos", indicou.
O secretario de dereitos LGTBI apuntou que a Consellería de Emprego e Igualdade, ademais de cargar de competencias que non corresponden aos CIMs, "segue ignorando as queixas do persoal que se ve sobrecargado e sen persoal experto en asesoramento en diversidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.