Así é o inicio do curso escolar; unha gran carga familiar dentro dun ensino público gratuíto

Os pais e nais do alumnado que comeza curso este ano enfrontan unha suba en prezos tanto de material escolar como de roupa e calzado para os menores. De media é posible que unha familia en Galicia gaste entre 450 e 500€ para “equipar” o alumno ou alumna de cara afrontar os vindeiros nove meses académicos. Mentres, sectores do profesorado e pais e nais de alumnos reclaman a volta ao libro gratuíto e a eliminación da “picaresca” no caso do E-Dixgal, o sistema de libro electrónico da Consellería de Educación.

Por Moncho Mariño | Santiago | 13/09/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os libros de texto, o material para actividades extraescolares (se é necesario), renovación de roupa, calzado e outros gastos, conforman un dos investimentos máis onerosos para as familias galegas pasadas as vacacións de verán de fillos e fillas en idade escolar. Mais este ano o contexto social, económico e de subministración (enténdase guerra en Ucraína, suba dos prezos de materias primas, desvíos nas rutas comerciais, mercados en alza, etc.) acaba afectando mesmo os prezos dos simples bolígrafos ou cadernos de escritura para as aulas. Máis aló diso, cada seis anos aplícase unha renovación dos libros de texto para a actualización de contidos. Desta volta, a renovación en Galicia produciuse pasados oito anos debido á pandemia e o contexto económico que a envolveu. Quedándonos só no ensino público, é necesario incrementar o investimento familiar sobre un dereito á educación primaria que debe ser gratuíta e obrigatoria?

Alumnado e estudantes dun instituto
Alumnado e estudantes dun instituto | Fonte: XUNTA - Arquivo

É A INFLACIÓN?

A inflación é a pedra angular do aumento de prezos en material escolar para o curso 2023-2024. A inflación repercute de maneira moi forte sobre a economía das familias e iso tendo en conta que o sistema educativo é gratuíto, algo que para nós non se cumpre” di Isabel Calvete, presidenta de ANPAs. A gratuidade do ensino básico garántea o artigo 27 da Constitución de 1978. Así e todo, o gasto medio de 450 a 500€ pode supoñer un esforzo económico para algunhas familias que ven incrementados os seus gastos de maneira exponencial no mes de setembro.

“Falamos dunha contía grande que pode comprometer ás familias das que procede o alumnado do ensino público” di Lois Pérez, de STEG. “O gasto en material é un dos elementos que pode influír negativamente no acceso a oportunidades e de reequilibrio de desigualdades”. A UGT-Ensino calcula que sumando todo o material (incluídos entre oturos a roupa, desprazamentos ou a conciliación) os gastos incrementaríanse un 700%. “Para suplir estes incrementos a Xunta anuncia unha suba de cupóns para o material até un 40% máis que o curso anterior e unha de 12% para os libros de textos”, di Sandra Montero. Non entanto, non é suficiente e “o que debera facerse é recuperar o programa de gratuidade dos libros de texto, tal e como xa se implantara co anterior goberno”.

Os cupóns para mercar material e libros é “unha solución a curto prazo, dar ás familias cheques para a adquisición dos libros” di Luz López de CCOO. Detrás disto, López ve unha decisión política “cun alto custo económico para as arcas públicas”, ademais de non representar “ningún tipo de beneficio a longo prazo fronte ao sistema que existía previamente de préstamo de libros”. O sistema educativo aplicado na actualidade é o que reforza a suba de prezos pois é unha “consecuencias de políticas regresivas aplicadas desde 2009, da eliminación da gratuidade dos libros de texto” apunta Suso Bermello, da CIG. Ao xa dito, Bermello engade a política de recortes aplicada polos gobernos Feijóo-Rueda que “non teñen en conta a situación económica das familias e sobre as que se debera aplicar gratuidade en material extraescolar e melloras en transporte público”. E a isto engádese que os orzamentos en educación minguan ou están conxelados creando unha situación complexa para as familias.

Alumnado nunha aula protexido con máscaras contra a covid-19
Alumnado nunha aula protexido con máscaras contra a covid-19 | Fonte: ANPE.

Desde a Consellería de Educación apuntan que a Xunta é unha das administracións líderes no apoio ás familias, especialmente neste momento, “cunha inflación tremendamente elevada que afecta a todos os produtos, como o combustible ou a alimentación, non só aos libros de texto e material escolar”. Describen a rede de transporte escolar galega como unha das máis potentes de España así como a de comedores escolares. “Aprobamos un incremento nos investimentos destinados aos bonos de material escolar e nos libros de texto”, medidas que permiten aforrar ás familias galegas “máis de 100M€ neste inicio de curso, 200M€ se contabilizamos o transporte”.

Educación sinala que reforzou a convocatoria das axudas para material escolar, ampliando estas axudas que chegan agora a “todas as familias con renda per cápita igual ou inferior aos 10.000€ (antes era por debaixo dos 6.000€)”. O número de alumnos que recibirán cupóns para material é de 130.000, “un 40%” máis que o exercicio anterior.

GRATUIDADE DE MATERIAL

O Fondo Solidario de Libros e de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar ao que apuntan desde a Consellería de Educación, non parece resolver as peticións dalgúns profesionais da educación así como representantes das familias. “Sempre demandamos a non eliminación da gratuidade do empréstito universal de libros, por iso pediamos un decreto para todo o alumnado, non facelo é un deterioro do ensino público” di Lois Pérez. “Aquí houbo unha decisión polítia relacionada con isto e foi a eliminación da gratuidade universal en 2009” destaca Suso Bermello. Esta gratuidade universal nacera da man do goberno bipartito PsdeG-BNG. En certo sentido buscábase a reutilización dos libros dun curso para outro, ademais de compartir outro tipo de materiais, “é difícil poñer de acordo ás familias para compartir material, mais isto é unha vía para que os menores aprendan a socializar e compartir”.

“O empréstito universal faría que o ensino fose gratuíto de verdade mediante a reposición de libros dentro dese sistema” di Isabel Calvete. Sandra Montero, desde UGT, insiste que o seu sindicato aposta pola recuperación “do programa de gratuidade de libros de texto. A excusa de que non funcionara e que era un sistema inxusto, como dixo o Sr. Rueda, non convence a ninguén” e para remarcar isto destaca que “tres de cada catro familias comentaron que terán que asumir débedas e recorrer a un empréstito para afrontar esta volta ao cole”.

“Lonxe de buscar solucións ao custo dos libros, a Xunta eliminou o servizo de empréstito que funcionaba desde o bipartito e que, desde CCOO, consideramos que debería recuperarse para todas as etapas do ensino obrigatorio” di Luz López. Os motivos para retomar o sistema, segundo CCOO serían: “o seu bo funcionamento para o aforro das familias, os menores aprenden a coidar os materiais para que outras persoas poidan facer uso do mesmo no futuro e a presenvación do medioambiente coa reutilización de materiais”.

Neste apartado, Educación respoden que “as axudas para libros de texto suben o 12% e as familias que usan o Fondo Solidario de Libros poden obter case a totalidade (dos libros) de balde”. En relación con isto, a Consellería resalta que un total de 64.200 alumnos estudarán con libro electrónico gratuíto no curso 2023/24. “A Xunta de Galicia inviste este curso en axudas de libros de texto e material escolar o dobre do que destinaba antes da pandemia. En concreto, 26 M€ fronte aos 12 M€ do curso 19/20”.

RATEOS E LIBRO DIXITAL

“A Consellería de Educación vai perdendo relevancia ante outros departamentos” di Bermello. “Como sindicato entramos en cuestións relacionadas co desenvolvemento profesional e algunhas delas teñen orixe social como son a diminución de rateos, melloras no transporte escolar e extender a gratuidade ás actividades extraescolares”. Isto fixo que se presentaran inciativas ao departamento de Román Rodríguez que até o de agora foron rexeitadas. Sobre o sistema de rateos, Isabel Calvete apunta que non se poden aplicar por igual os mesmos cálculos segundo o contexto en que vive o alumno. “O sistema urbano de rateos non é válido para o rural onde pode haber aulas con alumnado de catro ou cinco cursos”. Isto diminúe a calidade do ensino impartido en determinados lugares.

Sobre a dixitalización dos libros de texto, a Xunta conta co sistema E-Dixgal, que sería dotar ao alumnado de ordenadores desde os que baixar contidos lectivos. “Na praxe si subtitúe o libro de texto, aínda que o libro non deixa de ser un recurso” di Lois Pérez. O problema vén cando “os dispositivos E-Dixgal se deterioran co paso do tempo e non se renoval elementos por desidia da administración”. “O E-Dixgal non cumpre cos seus obxectivos pois optaron por substituír libros en papel por material dixital, mais non se fixo unha substitución pedagóxica, só substitúe papel por soporte dixital” di Suso Bermello. Un soporte dixital que só reparten dúas editoriais segundo a CIG, “e cuns contidos cuestionables”.

“Cando un colexio entra no sistema E-Dixgal, faino por catro anos obrigatoriamente” di Isabel Calvete. “Mais cando ese colexio está no sistema electrónico da Xunta as familias perden dereito a ter axudas para libros de texto” pois dase por sentado desde a Administración que as familias só deben mercar uns poucos libros. A polémica nace cando os centros se introducen no E-Dixgal e solicitan entrar para pedir material dixital sobre Educación Física, Pretecnolóxicas e outras materias que non usan libro de texto habitualmente. “Se estás dentro do sistema electrónico, porque non substitúes todos os libros por soportes dixitais?” pregunta Calvete.

CCOO non ve o E-Dixgal como unha solución universal, aínda que “presenta vantaxes en certos aspectos, mais tamén presenta eivas como a falta de formación específica para profesorado e familias coas dificultades destas últimas para axudar aos fillos”. Ademais, tamén se pode observar a “fenda dixital” entre familias, algo que a pandemia deixou á vista de todos. Desde UGT a “valoración é positiva sempre e cando os recursos sexan os suficientes, pensando en equipos, conexións, formación e utilización. Sen esquecer o alumnado do rural”.

A  Xunta de Galicia informa que para este curso realizou un investimento en axudas para libros de texto e material escolar “o dobre do que destinaba antes da pandemia. En concreto, 26 M€ fronte aos 12 M€ do curso 19/20”.Sobre equipamentos para novas tecnoloxías, a Xunta presentaba a comezos de setembro “as novas Aulas Móbiles de Informática que, xunto cos paneis interactivos e os Polos Creativos, supoñen un investimento de 84M€ na dixitalización dos centros públicos. O alumnado dispón de todo este equipamento de xeito gratuíto.

O gasto en material escolar é un dos investimentos máis elevados ao que teñen que facer fronte as familias. Por iso sectores sociais reclaman a volta ao libro gratuíto e tamén unha gratuidade universal noutras áreas que afectan ao alumnado. Pola súa banda a Xunta responde cunha serie de cifras que son investimentos en cupóns para mercar libros, material electrónico para as aulas, axudas para o transporte escolar e comedores. A resposta á situación de suba nos prezos para o inicio escolar está na inflación xeneralizada en todos os ámbitos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta