Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2023 | Actualizada ás 19:18
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo un balance turístico este xoves, no cal destacou a consolidación deste sector ao rexistrar no que vai de 2023 un 8 % máis de visitantes que no xa "excelente" ano Xacobeo 2022. Na súa comparecencia ante os medios tras o Consello, Rueda informou dos datos máis destacados de xullo e agosto e destacou a "consolidación dunha tendencia moi boa", que "demostra que Galicia non é unha moda pasaxeira, senón un dos destinos máis puxantes de España de forma sustentable".
Entre os datos que destacou, atópanse que o turismo estranxeiro supón o 30 por cento do total, con 2 millóns de pernoctas, tamén unha marca histórica. Os aeroportos tamén rexistraron máximos de pasaxeiros, con 3,4 millóns, co liderado de Lavacolla-Rosalía de Castro, que absorbeu 2 millóns. O presidente autonómico tamén se referiu ao turismo de cruceiros, con 246.000 persoas chegadas aos portos galegos, a maioría neste caso ao porto da Coruña.
CAMIÑO DE SANTIAGO
Durante a súa intervención, destacou o Camiño de Santiago como elemento "tractor", con máis de 310.000 peregrinos que recolleron a súa Compostela no que vai de ano, un 2 por cento máis que no período 2022, que foi Ano Santo. Ademais, destacou o gasto medio dos turistas nacionais é de 65 euros e o internacional é de 148 euros, o que demostra a "importancia de seguir gañando turistas internacionais".
Doutra banda, o Consello da Xunta autorizou a firma dun convenio e as condicións de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e a Federación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago para celebrar o II Encontro mundial de asociacións xacobeas '2EM', que terá lugar entre o 19 e 22 de outubro deste ano en Santiago. A celebración, promovida baixo o lema 'Asociacións. Memoria e futuro' permitirá ser un punto de encontro para o tecido asociativo xacobeo mundial. Para alcanzar estes obxectivos, o convenio coa federación suporá un investimento de máis de 211.000 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.