O FIC Vía XIV dá a coñecer aos directores convidados o selo de calidade da D.O. Monterrei

Unha comitiva de profesionais que están en Verín co gallo do festival de curtametraxes percorreu diferentes lugares emblemáticos e lagares do Concello de Oímbra o pasado 13 de setembro. A visita rematou cunha cata comentada nas instalacións da D.O. Monterrei.

Por Galicia Confidencial | Verín | 16/09/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Un grupo de convidados pola organización do FIC Vía XIV a Verín para participar nas diferentes actividades que se promoven ao abeiro do certame, entre os que se atopaban algúns directores de curtas que se presentan oficialmente a concurso este ano, participaron nunha visita organizada a algúns puntos claves do territorio amparado baixo o selo de calidade da D.O. Monterrei.

Visita de participantes no FIC Vía XIV para coñecer a D.O. Monterrei. Foto: Prensa Festival.
Visita de participantes no FIC Vía XIV para coñecer a D.O. Monterrei. Foto: Prensa Festival.

Nunha visita guiada por Natalia González, membro do equipo técnico do Consello Regulador, o grupo puido coñecer diferentes puntos emblemáticos ligados coa historia do patrimonio enolóxico na comarca e emprazados, en concreto, no Concello de Oímbra.

Así, a comitiva tivo ocasión de desfrutar de diferentes paisaxes da zona, coñecer in situ os viñedos pertencentes a algunhas das adegas máis representativas deste concello e deterse, particularmente, no Lagar Adega As Barrocas e no Lagar Xan Preto. Precisamente, os lagares de Oímbra destacan por ser algunhas das estruturas máis antigas de cantas se conservan en Galicia ligadas á elaboración de viño.

Entre outros, participaron na visita os directores David Fidalgo, autor da curta Sandwich Cat, e Jordi Huguets, responsable da peza Columnes D´aire. O director do FIC Vía XIV e a concelleira de Cultura de  Verín acompañaron tamén ao grupo durante o percorrido que finalizou, xa en Verín, cunha cata comentada nas instalacións do Consello Regulador na que os asistentes puideron degustar algúns dos brancos e tintos máis representativos da comarca.

ACTIVIDADES PARALELAS QUE POÑEN EN VALOR O TERRITORIO

A ampla programación do Festival de Curtas de Verín, ademais de crear cultura de cinema entre a veciñanza da contorna e os visitantes que se achegan á vila, pon en valor o territorio con accións como estas nas que se promove o potencial dun sector en alza como e o vitivinícola.

En palabras do director do FIC Vía XIV, Carlos Montero: “Sempre dicimos que o noso festival, amais de achegar á cinematografía e os seus valores aos habitantes da comarca, pretende tamén erixirse como un escaparate promocional que difunda a marca Verín máis aló das nosas fronteiras. E é indiscutible que a nosa cultura vai moi ligada ao eido vitivinícola. Por iso, agradecemos á D.O. Monterrei e, en particular, ao seu presidente Jonatás Gago, a súa implicación no desenvolvemento desta iniciativa”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta