Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2023 | Actualizada ás 19:50
As baleas vasca, cincenta, común e xibarte foron empregadas como recurso polos humanos en Galicia desde fai miles de anos, segundo os datos recompilados durante un estudo do investigador Youri van dean Hurk, das universidades de Trondheim e Groningen (Países Baixos), no que colaborou a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma).
Trátase, segundo esta entidade, do "maior estudo de zooarqueoloxía de baleas en Europa", xa que empregou 719 mostras (68 de Galicia) desde o 3.500 antes de Cristo e ata o século XVIII, procedentes de 12 países. Este traballo concluíu que a actividade baleeira causou a extinción de dúas especies no Atlántico europeo: a balea franca do Atlántico Norte e a cincenta. De acordo cos seus datos, con moita diferenza as dúas especies máis frecuentes foron a balea vasca ou franca (46,5 %) e a balea cincenta (15,3 %), ambas con rexistros desde España ata Noruega.
Así mesmo, destaca que outras especies que foron cazadas durante o século XX e que aínda hoxe en día manteñen a súa presenza nesta área de estudo estivesen presentes en moita menor medida nos resultados obtidos de mostras antigas, como a balea común (5,1 %), a xibarte (4,7 %) e a azul (1,7 %). Estes cambios entre a súa frecuencia pasada e a actual, explica Cemma, fai pensar que as especies agora desaparecidas foron no seu día as máis utilizadas, probablemente polos seus hábitos costeiros, que as fixeron máis susceptibles de ser cazadas.
68 MOSTRAS EN GALICIA
En canto ás mostras de Galicia, analizáronse 68, ás que a coordinadora galega contribuíu con 15, recollidas grazas a un proxecto de investigación financiado polo GAC-7 Ría de Vigo-A Guarda. De 18 delas non foi posible conseguir unha identificación, pero das restantes, 39 eran baleas francas, tres eran baleas de identificación dubidosa, catro foron xibartes, dúas azuis, unha cincenta e un resultou ser un delfínido.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.