"Que hay de lo mío"... tentando saber como funciona o mundo editorial e literario galego (Parte II)

Que hai detrás dunha obra e da súa editorial?. Realmente autores e autoras galegas teñen problemas laborais?. Editores e autores desminten problemas serios. Galicia Confidencial continúa coa súa road movie na procura de respostas. "Os tempos das militancias xa pasaron e hai que ser moi profesionais", asegura Marilar Aleixandre. "Hai que ter un pacto, un acordo, con transparencia, para evitar problemas", di Quique Alvarellos.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 25/09/2023 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

"Denantes mortos que escravos", escribiu Castelao. Antes Rosalía aquel poema inmortal que comeza con "adiós ríos, adiós fontes adiós, regatos pequenos; adiós, vista dos meus ollos, non sei cándo nos veremos" e despois Curros cando clama "Que eu pra querer nacín todo caído, pra dar á mau á todo disgraciado". E veñen agora a cabeza os grandes autores e autoras galegas para tentar continuar unha road movie que semella non ter fin e que tivo de protagonista a unha das grandes editoriais do país, Galaxia, e a un director xeral que xa non está.

Obras da Editorial Galaxia sobre Rosalía de Castro. EDITORIAL GALAXIA
Obras da Editorial Galaxia sobre Rosalía de Castro. EDITORIAL GALAXIA

Este xornalista comprometíase a facer unha segunda parte desta película literaria que se precipitou de tal xeito tras a primeira entrega que, ao final, resultou ser unha mestura de varias road movies; desde a hispano-arxentina "A ferro morre" ata as estadonidenses "Easy Reader" e "Case famoso".

Unha das cuestións que airearon o tenso debate no mundo das redes sociais tras a polémica xurdida a raíz da entrevista de Alberto Ramos e as contestacións de Francisco Castro foi, precisamente, a saúde do mundo editorial galego. Nunha das súas respostas, antes da súa dimisión, "Tócame falar a min agora", Castro tentaba defenderse dunha das principais acusacións de Ramos, a falta de contrato no sector editorial.

"Galaxia publica todos os libros con contrato e paga relixiosamente os dereitos de autoría. Ademais dos 120 libros que son novidades (120 contratos) facémoslle contratos a ilustradores e a outros profesionais que forman parte da cadea de produción dun libro. Iso é sagrado e se respecta sempre. O que non quita que, ao mellor, nun intre puntual, se nos escape algún...", aseguraba. E, aproveitaba tamén para mandar un recado a aqueles autores que o criticaron durante eses días; "os que me puxeron podre nas redes estes días….realmente estaban poñéndome podre a min? Ou máis ben eu era un pretexto para soltar certas frustracións? Digo isto porque entre algúns dos máis combativos vin autoras e autores que no que dicían se deixaba caer algo así como que eles tiñan que vender máis, e tiñan que ter máis recoñecemento e, no fondo, o vello QUE HAY DE LO MÍO. Eu podo entender iso, pero é importante que volo fagades mirar".

 

Días antes da súa dimisión, profesionais do mundo editorial galego mantiñan un enconado debate nas redes sociais da tamén escritora Inma López Silva que publicara un post ensinando un dos seus contratos de Galaxia e animando ás distintas literatas, ilustradores ou tradutoras a pronunciarse ao respecto. 

Editorial  Xerais
Editorial Xerais | Fonte: Xerais.

 

 

A POLÉMICA VAI MÁIS ALÁ DE CASTRO E RAMOS

 

Isto deu pé a que escribiran autores e autoras como Helana Villar Janeiro, Jorge Emilio Bóveda, Marica Campo, Enma Pedreira, Xesús Manuel Valcárcel ou Luz Darriba, entre outros moitos. Algúns falaron das súas experiencias, difíciles ou non, á hora de ter algo tan razoable coma un contrato cando se publica un libro. Por iso, este xornalista quixo indagar para saber se esta queixa era unánime dentro do sector, e se algunhas das acusacións que xa novelou Xavier Alcalá en 1985 con Tertulias, sobre o mundo dos premios literarios e das editoriais, eran as mesmas 38 anos despois.

 

E, por iso, acudimos a el. "A min xamais me pagaron indebidamente os que me pagaron, pero houbo xente que me roubou e non me pagou. E algúns aparecen nalgunhas tertulias", di Alcalá que agora é conselleiro da Editorial Galaxia, no centro da polémica estas últimas semanas. "A editorial Galaxia, coa que levo editando desde 1972, pagoume relixiosamente o 10% de cada libro e poño a man no lume de que segue cumprindo estritamente cos autores e autoras...Se hai outras editoras que non o fan a min non me consta porque eu nas que publiquei cobrei o normal", di en declaracións a Galicia Confidencial.

 

Da mesma opinión é Marilar Aleixandre. "Eu coas editoriais que traballo, Xerais e Galaxia, aínda que teño outras, sempre tiven contratos. Tamén teño libros en Apiario, Baía, Alvarellos, e teño contrato. Non tiñan costume de facelo Sotelo Blanco e Ir Indo, por exemplo", asegura. 

 

DEREITOS DE AUTOR

 

O que si puntualiza a Premio Nacional de Narrativa 2022 é o pago de dereitos de autor, xa que hai editoriais que non os pagan. "Calquera traballo ten que ser remunerado porque senón é competencia desleal porque as editoriais tamén teñen que pagar nóminas. Os tempos das militancias xa pasaron e hai que ser moi profesionais", di e destaca, neste punto, o traballo de editoriais pequenas como Apiario e Alvarellos "que cada ano mandan unha liquidación e distribúen moi ben".

 

Precisamente, sobre a distribución, Marilar Aleixandre destaca o "mecanismo importante" que teñen editoriais como Galaxia e Xerais en Galicia. "Depende da importancia da editorial porque, como lectora, si que constato algúns problemas á hora de atopar certos libros", indica ao tempo que aposta por mellorar a edición e distribución das antoloxías. 

 

BUSCANDO SOLUCIÓNS

 

"A problemática dos contratos é común a todas as asociacións coas que traballamos. E por iso temos asesora xurídica en relación aos contratos que teñen. Podemos dicir que hai problemas no cumplimento de obrigas contractuais, que non se poden xeralizar, pero que foron evoluíndo a mellor. E pola mesma razón que non eran o mesmo os honorarios de hai dez anos aos de hoxe", explica sobre a polémica o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez.

 

Sobre os contratos no mundo editorial di que están case normalizados. "Hai autores que non facían e agora xa fan. A profesionalización é unha meta e un camiño polo que estamos camiñando todos os días e por iso creo que as prácticas contractuais van mellorando, pero xa é moito o que levamos percorrido", asegura en declaracións a este medio.

 

Pola súa banda, Quique Alvarellos, da Asociación Galega de Editoras (AGE) salienta que entre autores, editores e escritores ten que haber un pacto que é un sinónimo de contrato. "Toda editorial ten que asinar por escrito este acordo que é moi variado segundo a lei. Pero hai que ter ese pacto, ese acordo, con transparencia, que eu, como editor, fixen e fago sempre nos 20 anos que levo e que tamén fan outras editorais", asegura ao tempo que suliña que calquera sistema literario basease na confianza entre as partes.

 

"Dito isto, Galaxia foi, é e seguirá sendo un referente na edición en galego e non deberían estraerse de casos puntuais outras conclusión que debilitan o sistema editorial e literario sobre todo cos problemas que temos na procura de novos lectores e abrir novos mercados", engade. Tamén Cesáreo Sánchez confirma que hai tensións entre autores e editorias pero suliña que o problema estrutural é a falta de fondos públicos para a labor editorial ou o problema de non poder asistir a feiras internacionais pola dinámica que ten a administración pública. 

 

O FENÓMENO DOS PREMIOS LITERARIOS

 

Con todo, que pasa cos premios literarios, a orixe de toda a polémica?. Coma no filme 

Ready Player One imos na procura de buscar realidades que non sexan virtuais. Precisamente, a polémica de Alberto Ramos e Francisco Castro xurdiu polo contrato dos dereitos do libro 'Os corpos dos Romanov", gañador do Premio Novela Breve Repsol 2022. Ramos denunciou que tivera que agardar case un ano, e consultar os servizos xurídicos da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), para ter un contrato, algo que negou o xa ex director xeral de Galaxia, que suliñou que todos as edicións premidas e publicadas por esta editorial tiñan contrato.

 

O escritor Xosé Monteagudo, gañador da edición 2021 dos Premios Repsol confirma a Galicia Confidencial que el tampouco tivo contrato da novela gañadora, Eternity. Monteagudo di que si tivera contrato da novela anterior con Galaxia, Todo canto fomos, no 2016. De feito, destaca que publicou con esta editorial os libros que ten desde que en 2002 gañou o Blanco Amor coas Voces da Noticia. A súa última novela, Vémonos Mañá, xa foi publicada este ano por Xerais.

 

Outro autor que di non ter contrato con Galaxia logo de gañar un premio foi Carlos Meixide. Tras gañar en 2019 o 1º premio do Camiño de Santiago da Academia galega do Peregrino con Camiño de Paixóns a obra foi publicada por Galaxia en galego e español. "Eu consultei a Francisco Castro e díxome que non era necesario contrato porque os dereitos eran da Academia Xacobea. Estrañoume pero tampouco insistín porque dixo que así o puñan as bases. O que pedín varias veces foi que se me informara das vendas e da tiraxe do libro, das dúas edicións, e nunca tiven datos. Só de que foi reimpreso", asegura en declaracións a este xornalista. Co resto de editoriais coas que traballa di que nunca tivo problemas. "Teño contratos en Xerais e Rinoceronte e autoedicións que eu fixen", indica.

 

Este problema semella que é común cando se trata de edición de novelas gañadoras en premios literarios. Enma Pedreira, e non Marica Campo como apuntamos inicialmente, tamén relataba nesa polémica en redes os problemas que tivo coa editorial Toxosoutos tras gañar o premio Avilés de Taramancos. "Tiven que pelexar tras 20 anos de premio Avilés de Taramancos para que mo fixesen", indicaba. 

 

Pero, con todo, hai autores que din non ter esas dificultades como é o caso de Óscar Reboiras, gañador do II Premio de Novela Galicia Rural, convocado polo Concello de San Xoán de Ríos, coa colaboración de Galaxia. "A min fíxoseme un contrato tipo que puña que era polas vendas da primeira edición. A partir da segunda edición, falan xa de reimpresións, e pagan rollalties... A min fixéronme un ingreso polos libros que se venderan no 22, preto dun cento de euros, ademais dos 2.000 euros do premio", confirmou ao GC.

 

"É certo que as relacións contractuais cos premios poden dar lugar a dúbidas. Pásanos a nós e a editores doutras nacionalidades históricas. E xa se está avanzando neste sentido. Grande parte das editoras están xa en camiño de cumprir as súas obrigas", confirma Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. 

 

Tamén desde a Asociación Galega de Editoras (AGE), Quique Alvarello confirma que é un problema ao que se trata de buscar solucións desde os últimos anos. "Todos os problemas, falando, podemos resolvelos, e sigo dicindo que o que ten que haber entre autor e editor é un pacto", di. Aludindo ao caso concreto de Ramos co Premio Repsol indica que igual non se firmou. "Quizais foi un malentendemento nas bases e non creo que houbera unha negativa a non firmar ese contrato por parte da editora, senón mala praxe logo subsanada", indica en declaracións ao Galicia Confidencial. "Son casos puntuais que suceden por urxencias do día a día pero nós insistimos en que o esixible é que se asine un documento no que queden claras as condicións.

 

GALAXIA, MESMA LIÑA DESDE OS ANOS 50

 

Tentamos voltar á orixe e como no filme "A árbore da vida" buscamos respostas a preguntas difíciles. Acudimos ao propio presidente de Galaxia, Antón Vidal, para saber que pasa. Sae en defensa da política editorial desta empresa e destaca que ten unha liña "moi clara" desde que naceu nos anos 50 do pasado século. "Nacemos cunha acción política e cultural moi clara. Os tempos foron cambiando pero seguimos como antes; na defensa da cultura e do noso idioma", indica en declaracións a Galicia Confidencial.

 

Sobre o conflito entre Ramos e Castro di que "parece que hai unha pelexa de tipo económico" que puido deberse a unha praxe concreta pero que non é a política xeral desta empresa. "Nós o que queremos é que vaia ben a empresa porque podemos facer cousas e facer investimentos para poder publicar", aclara.  De feito quere destacar que en Galaxia non se repartiron dividendos e que el "nunca cobrou" da editorial. "O día que iso cambie xa non será Galaxia", asegura.

 

O CASO DE XERAIS

 

Pasamos a 'Diarios de Motocicleta' cun Ché (Gael García) que viaxa coa súa moto por Latinoamérica buscando novas resposta a moitas das súas inquietudes. Este xornalista acode a coñecer a opinión do director xeral da outra gran editorial galega, Xerais. Fran Alonso é contundente sobre a súa política de contratos. "Nós sempre facemos contratos", di. "Temos un sistema moi efectivo porque temos un programa informático que nos bloquea o libro ata que non estea o contrato feito", asegura ao tempo que destaca o traballo da AGE e AEG para ter mellores prácticas entre editorais e autores.

 

Tamén confirma que a súa editorial paga sempre dereitos de autor. "Hai autores que non queren cobrar por eles pero entón ten que haber acordo contractual que diga que ese autor renuncia explicitamente a ter eses dereitos de autor", indica. Sobre a distribución, recoñece que, nos tempos actuais, é imposible competir con xigantes como Amazon que te traen o libro a casa case no día. "Pero no mundo editorial galego temos unha distribución, afortunadamente boa", engade.

 

Esta reportaxe non remata nunha road movie, é unha novela xornalística con final aberto na que faltan moitos e moitas por falar. Agardamos a unha terceira parte lembrando a outro dos grandes autores galegos que por algo era autor, grande e lle tocou lidiar con problemas máis graves dos que se destilan nas redes sociais de hoxe en día. "Se este é o mundo que eu fixen, que o demo me leve", Curros Enríquez dixit. 

Obras gañadoras do Premio de Narrativa Breve Repsol.. FUNDACIÓN REPSOL
Obras gañadoras do Premio de Narrativa Breve Repsol.. FUNDACIÓN REPSOL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Castelao

Ben, Xurxo. Suxíroche unha IV parte da reportaxe: Despois de falar de se as editoras fan ou non fan contratos, agora toca falar deses contratos. Spoiler: clausulas ilegais, contratos abusivos e máis cousas...Spoiler 2º: Os contratos non os redacta Feijoo...A ver se vai ser que por esa vía chegamos ao meollo de todo este asunto... Consello: Se chamas aos de sempre, contestaránche o de sempre e chegaredes ás conclusións de sempre.

1 Pedro Mosquera

Por favor, contrasten datos: o premio Repsol, e a maioría, indican NAS SÚAS BASES (accesibles en web), que se asina un contrato en exclusividades CON ELES e que se reservan os dereitos de autor por 5 anos na primera edición, e que participar no premio implica está aceptación (o que ten valor legal de contrato), polo tanto, os premiados NON PODEN asignar contrato coa editorial que a convocante elixa para publicar. Seino porque concursei varias veces (vese que sen calidade literaria...). Está clariño.