A ELEN pide a inclusiuón do catalán, éuscaro e galego como linguas oficiais da UE

A Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) destacou que a inclusión como linguas oficiais achega "numerosos beneficios prácticos, así como o prestixio que confire o status oficial".

Por Europa Press / Redacción | BILBAO | 18/09/2023 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

A Rede Europea para a Igualdade das Linguas (ELEN) pediu ao Consello da Unión Europa que inclúa o catalán, o éuscaro e o galego como linguas oficiais da UE. ELEN acolleu con satisfacción a proposta de España para a inclusión do catalán, o éuscaro e o galego como linguas oficiais de pleno dereito da UE e xunto cos seus membros Euskalgintzaren Kontseilua, Plataforma per a Llengua, Omnium Cultural, A Mesa pola Normalización Lingüística, Obra Cultural Balear e Acció Cultural País Valencià, pide aos Estados membros da UE que se reunirán este luns no Consello que apoien a proposta española.

Nun comunicado, ELEN destacou que a inclusión como linguas oficiais achega "numerosos beneficios prácticos, así como o prestixio que confire o status oficial". Ademais, segundo sinalou, "tamén daría á UE a oportunidade de estar á altura da súa política de apoiar a diversidade lingüística e permitir aos seus cidadáns utilizar a súa lingua coas institucións da UE".

"Se se inclúen estas linguas, o impacto será moi positivo e un gran paso cara ao recoñecemento e a normalización das nosas linguas, debido a que o status oficial a nivel europeo é clave para protexer os dereitos lingüísticos dos seus falantes", defendeu.

ELEN lembrou que hai "máis de 500 disposicións legais de todo tipo que esixen a presenza e o uso das linguas oficiais da UE, especialmente cando afecta a consumidores, e isto é moi importante porque ten un impacto directo e indirecto na vida cotiá das persoas". Por último, afirmou que a inclusión "será un fito importante, porque significaría que a UE recoñece a natureza plurilingüe de Europa e dos seus Estados membros".

Con todo, remarcou que este "non sería o fin da minorización lingüística, porque aínda queda un longo camiño por percorrer". Neste sentido, reafirmou o seu compromiso de "seguir traballando en todas as frontes para darlle ás nosas linguas o recoñecemento que merecen, co fin de garantir os dereitos lingüísticos dos nosos pobos".

Parlamento Europeo.
Parlamento Europeo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta