Esta é a nova planta invasora moi perigosa; o xenxibre do himalaia

Esta especie podería estar xa en espazos naturais como as Fragas do Eume.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/09/2023 | Actualizada ás 22:45

Comparte esta noticia

A Federación Ecoloxista Galega ven de dirixirse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería do Medio ambiente solicitando a posta en marcha de actuacións destinadas á erradicación dunha nova planta invasora que se atopa nas primeiras fases de establecemento en Galicia pero que xa está presente en varios concellos do litoral e que podería atoparse en espazos protexidos como nas Fragas do Eume.

Hedychium gardnerianum, coñecida como xenxibre do Himalaia, falso xenxibre, xenxibre branco, xenxibre hawaiano, edichio ou kahili
Hedychium gardnerianum, coñecida como xenxibre do Himalaia, falso xenxibre, xenxibre branco, xenxibre hawaiano, edichio ou kahili | Fonte: Federación Ecoloxista Galega

Trátese de Hedychium gardnerianum, coñecida como xenxibre do Himalaia, falso xenxibre, xenxibre branco, xenxibre hawaiano, edichio ou kahili, e é unha especie universalmente recoñecida como invasora moi perigosa pola súa capacidade de adaptación a diferentes condicións ambientais e a rapidez do seu crecemento e da súa expansión desprazando ás especies autóctonas e provocando graves danos á biodiversidade. Está considerada oficialmente como especie invasora dende o ano 2013 en que se publica o Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras no que figura, e xa que logo está prohibida a súa introdución no medio natural, a posesión, transporte, tráfico e comercio.

Cando se publicou o “Plan Estratéxico Galego de xestión das EEI e para o Desenvolvemento dun sistema estandarizado de análise de riscos para as especies exóticas en Galicia”, en 2012, a especie xa estaba presente no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e nas proximidades do Parque Natural das Fragas do Eume. Hoxe en día tense comprobado tamén a súa presenza naturalizada polo menos nos  concellos de Cedeira, Cariño, Ortigueira, Pontedeume, Valdoviño, Corcubión, Miño, Sada, Carnota, Cee, A Coruña, Muros, Malpica, Ribeira (nas proximidades do PN de Corrubedo) e Porto do Son na provincia de A Coruña; Poio, Covelo, Gondomar, Redondela e Bueu na de Pontevedra e Foz e Viveiro  na de Lugo e seguramente o estea en bastantes máis. Neste Plan considérase a H. gardnerianum como “especie invasora de alto impacto sobre a  biodiversidade en Galicia” e se sitúa na lista de “EEI de maior impacto rexistradas nas áreas protexidas”. 

"Dado o perigo que supón para o medio ambiente esta especie e a pesar do desleixo que a Administración galega ven amosando polo control da proliferación de especies invasoras no noso territorio, mesmo protexendo e subvencionando a unha das máis destrutivas, o eucalipto, a FEG solicita que se actúe de cara a evitar o establecemento do xenxibre do Himalaia, xa que se atopa aínda nas primeiras fases deste proceso e resulta fácil a súa erradicación", apunta a entidade nun comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta