Denuncian a "paralización" dos dereitos de conciliación na Xunta de Galicia

CIG-Administración Autonómica denunciou que no canto de "facilitar a conciliación para o fomento da natalidade e o benestar social das familias", "o que fai é vender fume e nin sequera aplicar adecuadamente o que xa lexislaron desde o Goberno estatal e desde a Unión Europea".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2023 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

CIG-Administración Autonómica denunciou a "paralización" dos dereitos de conciliación na Xunta de Galicia, "que tería que ser referente para outras administracións e o sector privado" neste ámbito. Segundo explican nun comunicado, no canto de "facilitar a conciliación para o fomento da natalidade e o benestar social das familias", "o que fai é vender fume e nin sequera aplicar adecuadamente o que xa lexislaron desde o Goberno estatal e desde a Unión Europea".

A responsable nacional de CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, comentou que se esperaba que o I Plan de Igualdade para o persoal da Administración xeral da Xunta "trouxese avances en materia de conciliación familiar". "Con todo, quedou nunha simple declaración de intencións que non achega nada novo", lamentou.

Sinala ademais que a Administración leva máis dun ano "activando e logo parando" a negociación da orde que regulará a flexibilidade por conciliación e que a proposta que levaron á mesa de negociación "limita o dereito de flexibilidade ao marcar prioridades e vinculalo ás necesidades do servizo". "Débeselle facer moito permitir conciliar ao seu persoal. Nin sequera se propón ampliar ou dimensionar os cadros de persoal cando temos unha atención directa ao usuario ou buscar outras medidas organizativas", indica.

Lembra tamén que coa Lei de impulso demográfico, ampliouse a posibilidade de acollerse á flexibilidade por fillos menores de 18 anos, cuestión que, recoñece, sorprende a todas. "Levamos anos esixindo pasar dos 12 anos actuais aos 14 anos. Iso si, moitas veces, e en moitas Consellerías, non dan a flexibilidade nin aínda que sexan nenos de dous anos", critica.

Zeltia Burgos considera que "non é nada novo para o PP facer campaña e propaganda cando só recompilan medidas que xa estaban noutra lexislación, como queren facer na Lei de igualdade e na Lei de familias". "Os datos dirán se crecemos ou seguimos decrecendo demográficamente", augura.

Por último, incide en que non se trata dun "capricho individual para funcionarios escaqueados". "A conciliación familiar é un beneficio social que aumenta o benestar das familias e reduce o gasto público propio e dos servizos de atención social. É unha cuestión fundamental para o desenvolvemento do país, para facer de punta de lanza para outros sectores", defendeu.

Programa de conciliación das familias antes da volta ás clases
Programa de conciliación das familias antes da volta ás clases | Fonte: XUNTA DE GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta