O PSOE acusa ao presidente da Deputación de Pontevedra de "esconderse" dos alcaldes, que non saben cantos fondos terán en 2024

Os socialistas defenderán en pleno unha moción para manter o Plan Concellos e "todo o modelo regulado de financiamento municipal".

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 28/09/2023 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

O grupo do PSOE na Deputación de Pontevedra afirma que o presidente da institución, o popular Luís López, é "apocado e cohibido" e está "escondido" dos alcaldes, porque "ten medo" de convocalos.

Así o dixeron os dous portavoces socialistas, Carlos López Font e Ana Laura Iglesias, quenes compareceron este xoves en rolda de prensa para destacar que, cando están a piques de cumprirse os tres meses desde a toma de posesión de López, "o novo presidente da Deputación segue sen atreverse" a convocar aos rexedores da provincia a unha reunión informativa para pór en común o modelo de financiamento municipal do próximo ano.

O PSdeG-PSOE comparou esta situación coa vivida no ano 2015, coa chegada da socialista Carmela Silva á Presidencia da institución provincial. Entón, esa reunión cos alcaldes produciuse só 12 días despois da súa toma de posesión. Pola contra, Luís López despois de 84 días no despacho tan só se reuniu co alcalde de Pontevedra, "a pesar de ter unha axenda institucional tan baleira que só contén entregas de medallas e asistencia a procesións".

López Font interpretou que a carta que estes días dirixiu o presidente da Deputación aos alcaldes como unha maneira de "gañar tempo" pero "sen dicir nada concreto" e considera "sintomático" que Luís López preferise anunciar reunións individuais cos rexedores. Para o Partido Socialista na Deputación, "non hai mando en praza, senón mando a distancia, con Rueda (o presidente da Xunta) na cúspide e os dous vicepresidentes despois".

MOCIÓN DO PSOE

Nesta rolda de prensa, Carlos López Font afirmou que o Goberno provincial está "moi nervioso" pola moción que no pleno de venres defenderá o Grupo Socialista instando o goberno provincial a "manter o Plan Concellos e todo o modelo regulado de financiamento municipal". O portavoz socialista lamentou que, a día de hoxe, os concellos "sigan sen saber con cantos fondos van contar da Deputación para o ano próximo", algo que, segundo destacou "non ocorreu durante os últimos 8 anos".

Carlos López Font
Carlos López Font | Fonte: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta