Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2023 | Actualizada ás 13:46
A Fiscalía Provincial da Coruña, na súa Sección de Delitos de Odio e Discriminación, pide entre 22 e 27 anos de cárcere por un delito de asasinato por aleivosía e ensañamento aos cinco acusados polo crime de Samuel Luiz, o mozo de 24 anos que faleceu na Coruña na madrugada do 3 de xullo de 2021 tras recibir unha malleira no paseo marítimo da cidade herculina, á saída dun local de lecer nocturno.
Segundo informou a Fiscalía Superior de Galicia, o escrito de cualificación sinala que os cinco acusados son coautores dun delito de asasinato por aleivosía e ensañamento. Ademais, un deles está acusado tamén dun delito de roubo con violencia por quedar co móbil de Samuel.
Ante estes feitos, a Fiscalía solicita para dous deles 25 anos de prisión, a pena máxima, polo delito de asasinato, "ao concorrer a circunstancia agravante de discriminación en relación á orientación sexual da vítima", e 22 para os outros tres. Así mesmo, para un dos acusados solicita tamén cinco anos de prisión polo delito de roubo con violencia.
A causa mantense á espera de xuízo con este cinco persoas acusadas polos feitos, catro homes e unha muller, esta última era noiva dun deles cando se produciu o suceso. Tres están en prisión preventiva, unha medida que se prorrogou ao cumprirse os dous anos, e outros dous, un home e a muller, en liberdade, con obrigación de comparecencias no xulgado.
Os mozos foron detidos no marco dunha investigación policial que non descartou, durante o desenvolvemento da mesma, ningunha hipótese sobre o motivo do sucedido, como unha agresión homófoba, constatando que houbo insultos desta índole durante a malleira que lle ocasionou a morte ao novo.
Remitíndose aos resultados da autopsia, a Policía Nacional sostivo que Samuel Luiz "morreu por un fallo multiorgánico" como resultado de "moitísimos golpes", sen uso de armas, e descartando que falecese "por unha navallada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.