Outro exemplo da destrución de ecosistemas: a chegada do home a Cerdeña derivou na extinción das picas xigantes

Un estudo liderado por investigadores da UDC pon de manifesto as singularidades dos lagomorfos P. Sardus, que chegaron a habitar toda Europa durante o Mioceno: a esperanza de vida media era de 5 cinco e a idade de destete era moi tardía, aos 3 anos, cando xa tiñan acadado o 60 % do seu peso adulto.

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 07/10/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Sabes o que son as picas americanas (ochotonas)? Probablemente nunca escoitases falar delas. Colle o móbil e busca unha foto, verás que cousa máis bonitiña. Trátase dunha especie de coellos pequeniños, coas orellas moi redondeadas e a cola curta que parecen boliñas de peluche andantes. De feito, son moi semellantes a ratóns pequeniños, pero sen cara de rato, senón con faccións de coello. Viven en Amércia e Asia, e a nós resúltannos moi lonxanas, pero son o centro da investigación dun equipo de científicos da Universidade da Coruña (UDC). Non as picas como tal, senón os seus antepasados: os lagomorfos Prolagus sardus (P. sardus), que chegaron a habitar toda Europa durante o Mioceno, sendo moi semellantes a estas ocotonas actuais, aínda que moito máis grandes.

Pica americana (ochotona)
Pica americana (ochotona) | Fonte: Wikipedia

Os investigadores da UDC Eva Fernández-Bejarano, Alejandro Blanco e Blanca Moncunill-Solé encabezan o estudo 'A histoloxía dos ósos do Prolagus sardus (Lagomorpha: Mammalia) do Pleistoceno tardío proporciona máis coñecementos sobre a estratexia histórica de vida dos pequenos mamíferos xigantes insulares', unha investigación internacional onde tamén participaron paleontólogos da Università degli Studi Rome Tre, a University of Chinese Academy of Sciences e do Institute of Vertebrate Paleontology and Paleoanthropology. Tal e como explica Blanca Moncunill-Solé "os resultados do estudo como tal foron obtidos por unha das miñas alumnas, eu estaba investigando para outros estudos e propuxen o traballo como un TFG, de forma que Alejandro Blanco e eu guiamos a Eva, pero os resultados son cousa súa, o cal é admirable".

O por que de estudar estes pequenos mamíferos é sinxelo: teñen roles clave nos ecosistemas nos que habitan. Actualmente, a maior parte da fauna que se atopa nas illas está alí debido aos humanos, que a introduciron ao colonizalas. "En moitas illas como Australia, a máis famosa porque a pesares de ser un continente tamén é unha illa, o coello común entra porque nela entran os humanos, ao igual que ocorre en moitas illas do Mediterráneo", expón a investigadora, que afirma que "como eran usados como recurso alimenticio e tiñan unha capacidade de reprodución moi alta, fóronse expandindo por todas as illas, ata o punto de que en moitos lugares hoxe se consideran unha praga".

Sen embargo, con P. sardus non sucedeu o mesmo, porque xa era unha especie endémica da illa de Cerdeña, o que quere dicir, como aclara Moncunill-Solé, que "non vivía en ningún sitio máis". En concreto, estivo presente na illa dende o Pleistoceno (fai uns 800.000 anos) ata época histórica, é dicir, ata que entraron na zona os humanos, convivindo con eles durante un tempo, ata a súa extinción. Foi, segundo reflexa o estudo destes investigadores da UDC, unha especie moi prolífica, que cohabitaba con outros roedores, musarañas, topos, elefantes, cervos, mustélidos e unha especie de cánido.

CHEGABAN A PESAR UN QUILO E LEVABAN UNHA VIDA PAUSADA

Pica americana (ochotona)
Pica americana (ochotona) | Fonte: Wikipedia

Este lagomorfo sardo caracterizábase, sen dúbida, polo seu tamaño corporal, moi superior ao dos seus parentes continentais como consecuencia das particulares condicións ecolóxicas das illas: baixos recursos alimenticios e disminución ou ausencia de depredadores terrestres. "Nas illas non hai recursos para todos, os recursos son limitados, e os depredadores son menos abundantes, polo que a mortalidade producida por eles tamén é inferior, o que se coñece como mortalidade extrínseca", explica Moncunill-Solé.

Así as cousas, "os mamíferos que habitan as illas tenden a facerse máis grandes e a ter unha vida moito máis pausada e relaxada". Este animal chegaba a pesar entre os 700 gramos e o quilo, cando na actualidade os seus parentes, as ochotonas, non superan os 150 gramos. O que a simple vista podería parecer algo bo, non o foi tanto cando chegaron os humanos, pois "cando entraron nas illas con toda a súa fauna achegada, é dicir, con ratos, parásitos e outros organismos chegados do continente, o P. Sardus atopouse moito máis vulnerable, o que conlevou a súa extinción".

NO MOMENTO DO DESTETE, OS CAZAPOS XA TIÑAN UN 60 % DO SEU PESO ADULTO

Ata a data, poucos estudos desvelaron cal era a súa bioloxía e como lles afectaban as presións de selección insulares. Ademais, dado o abundante material fósil e o seu excelente estado de preservación, P. sardus resulta unha especie moi interesante que pode proporcionar datos que permitan entender como os lagomorfos responden evolutivamente á insularidade, é dicir, datos que a día de hoxe poden aplicarse coas poboacións de lagomorfos que temos nos nosos ecosistemas. Para iso, os investigadores da UDC lideraron este equipo internacional que estudou microscópicamente cortes histolóxicos de fémures de lagomorfos sardos. Analizáronse un total de 15 individuos, onde se incluían exemplares xuvenís e adultos, do xacemento de Grotta da Medusa (Cerdeña, Pleistoceno tardío). 

O estudo sistemático, a caracterización dos texidos e o rexistro de marcas de crecemento revelou distintas características biolóxicas trascendentais da especie, que suxeriron unha estratexia de vida lenta. Moncunill-Solé nolo explica: "O individuo máis pequeno que analizamos tiña unha liña parcial moi significativa porque se trataba dunha liña de destete (é dicir, do momento en que deixou de precisar de leite materna), o que quere dicir que podemos calcular máis ou menos o tamaño que tiña cando o animal deixou de ser amamantado".

Ata o momento ningunha investigación atopara ese tipo de liñas en mamíferos extintos, sendo tamén relativamente raras nos mamíferos actuais, o cal confire aínda unha maior importancia ao descubrimento. Os datos reflexaban que o tamaño do cazapo no momento do destete era bastante grande en comparación co dos lagomorfos actuais: sobre un 55 ou 60 % do seu peso adulto. Trátase dun tamaño particularmente grande se se compara coas especies de lagomorfos actuais. Por exemplo, o destete en coellos sucede cando a cría ten ao redor do 13 % do seu tamaño adulto.

Ademais, como apunta a investigadora, "puidemos comprobar que todo o que sería a desaceleración do crecemento do animal estaba moi prolongada, é dicir, que o organismo chegaba a adultez ou madurez moito máis tarde do que cabería esperar baseándonos na experiencia con lagomorfos actuais". O estudo minucioso e a clasificación dos texidos de todos os individuos permitiu evidenciar unha desaceleración do crecemento ao redor dos 3 anos de idade. Este parón asociouse coa chegada da madurez. A nivel alométrico, é dicir, polo seu peso corporal, os lagomorfos sardos deberían ser adultos ao ano de vida. Polo tanto, P. sardus tiña un periodo xuvenil extendido e o alcance da idade de madurez retrasábase na súa historia de vida. 

O INDIVIDUO ANALIZADO MÁIS GRANDE CHEGOU AOS 8 ANOS DE VIDA

Por se isto fose pouco, atopouse que o individuo máis grande tiña unha lonxevidade de 8 anos, pois "tiña un retraso en toda a súa historia de vida que o levaba cara unha vida moito máis lenta e, polo tanto, máis lonxeva". En concreto, no individuo máis grande analizado observáronse ata oito paradas de crecemento. Se se considera de novo a alometría, esta especie, o P. sardus, tería unha esperanza de vida media de aproximadamente uns 5 anos. Novamente, a súa historia de vida extenderíase moito máis alá do que cabería esperar para os seus parentes continentais.

Todo este desprazamento de fitos na historia da súa vida está relacionado cunha estratexia de vida tipo 'K' (de especies lonxevas), a cal beneficia a supervivencia da especie baixo as presións ecolóxicas dos ambientes insulares. Os resultados proporcionados polo estudo están en consonancia coas respostas eco-evolutivas que se describiron ata a data para pequenos mamíferos insulares, e xeran novas evidencias para entender a evolución en ambientes insulares libres de perturbacións humanas.

ESTUDO FUNDAMENTAL PARA PROTEXER AOS LAGOMORFOS ACTUAIS

Por outra banda, os resultados obtidos nesta investigación da UDC poden ser de vital importancia para abordar a conservación de especies actuais de lagomorfos, as cales tamén están sometidas ao aumento de temperaturas polo cambio climático, o que conlevará que moitas delas se vexan confinadas en illas ecolóxicas (como poden ser as colinas de montaña, que non son illas reais, pero que se comportan como tal no sentido de que os organismos están aillados nelas) en pouco tempo.

Saber cal é a resposta biolóxica natural do grupo á insularidade pode axudar ao deseño e implementación de accións de recuperación e xestión innovadoras e efectivas para os seus parentes actuais. Polo momento, como apunta a investigadora da UDC, o que vemos é que "non lles está indo moi ben aos lagomorfos, por estar aí aillados hai determinados parámetros demográficos que están a decaer, polo que podemos pensar en recolocacións en outros hábitats".

Parte das mostras óseas analizadas polos científicos da UDC
Parte das mostras óseas analizadas polos científicos da UDC | Fonte: UDC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta