Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 07/09/2024 | Actualizada ás 15:00
O mpox, coñecido popularmente como varíola do mono, é actualmente o virus que máis preocupa a científicos e sociedade. Despois de que a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarase a emerxencia internacional o pasado 14 de agosto, a preocupación entre a poboación é máxima, pois non queda tan lonxe o recordo da pandemia do coronavirus. A comunidade científica atópase nestes momentos vixiando moi de preto a evolución deste virus que se espalla rapidamente polo continente africano, así como preparando as ferramentas precisas para facerlle fronte da maneira o máis eficaz posible cando chegue a España a un nivel máis preocupante que o actual. "A emerxencia polo mpox vainos chegar, diso non hai dúbida, e debemos estar preparados", asegura Antonio Alcamí, virólogo do CSIC participante no XVII Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago, nunha entrevista co Galicia Confidencial. Descubrimos da man deste investigador cales son as claves para entender esta ameaza e poñerlle freo.
O último reporte da Organización Mundial da Saúde (OMS) fala de que só na República Democrática do Congo rexistráronse 7.851 casos e 384 mortes entre o 1 de xaneiro e o 26 de maio deste ano 2024. Estes casos detectáronse en 177 das 519 zonas de saúde nas que se divide o país (no 34 %) e en 22 das 26 provincias que o compoñen (no 85 %). No 2023 informárase dun total de 14.626 casos de mpox no país e de 654 mortes. Ata que punto son fiables estes datos? "A capacidade de diagnóstico en países como este é moi baixa, polo que moi posiblemente a cifra real sexa de tres veces máis casos que non chegaron a ser reportados", apunta o investigador do CSIC, que cre que "as porcentaxes de mortalidade publicadas (do 4,6 % na poboación xeral) poden estar sobreestimadas, xa que se refiren a un total de casos menor dos reais".
Aínda con todo, e por alarmantes que poidan semellar estas cifras, Alcamí cre que "a varíola do mono non será unha pandemia da envergadura da do covid". Sen embargo, amósase convencido de que "nalgún momento vai chegar a España con maior gravidade, vai ser inevitable co movemento tan grande de persoas que hai cada día no mundo e aínda que se estea vixiando moito para que non se dea esa situación". "Vainos chegar, está claro, diso non hai dúbida, e o que debemos é estar preparados para poder cortar rapidamente as cadeas de transmisión, esa será a forma de facerlle fronte", plantexa o científico. "Temos que estar vixiantes, ter vacinas suficientes e efectivas e a todo o persoal médico moi preparado para reaccionar canto antes", alega.
Segundo a última actualización do Ministerio de Sanidade, publicada o pasado 28 de agosto, o número de infeccións en España é de 334 no que vai de ano. Con respecto ao informe anterior, publicado o 19 de agosto, o número de casos subiu nun 20 %, con 67 novos. Por comunidades, é a Comunidade de Madrid a que rexistra máis casos (144), seguida de Andalucía (79) e Cataluña (54). Só catro comunidades aínda non rexistraron casos: Aragón, Asturias, Navarra e A Rioxa. En Galicia hai 6 casos coñecidos. A maior parte dos infectados son homes (o 98,1 %) con idades comprendidas entre os 6 e os 76 anos, cunha mediana de idade de 37 anos. O 63,5 % dos casos tiña entre 30 e 49 anos; e o 48,1 % eran persoas nadas en España. Corenta dos casos rexistrados referiron antecedentes de viaxe nos 21 días previos á data de comezo dos síntomas, aínda que só 9 foron clasificados como casos importados: dous de Marrocos, un de Andorra, un da República Checa, un de Hungría, un de Serbia e un dos Estados Unidos.
O MPOX É NUN 85 % SEMELLANTE A NIVEL XENÉTICO AO VIRUS DA VARÍOLA HUMANA
Unha das cousas máis destacables, como resalta Alcamí, é que o virus da varíola do mono é, a nivel xenético, un 85 % idéntico ao da varíola humana, única enfermidade que se logrou erradicar a nivel mundial, no ano 1980. O que sabemos ata o momento é que a varíola do mono é causada por un virus que chegou a nós dende un reservorio natural da selva africana. Como explica Alcamí, "o primeiro caso rexistrado é a infección no ano 1958 dun macaco nun laboratorio de investigación de Dinamarca, de aí o nome do virus: mpox ou 'monkey pox'". O primeiro caso descrito en humanos foi o dun neno infectado na República Democrática do Congo no ano 1970. Ao investigalo, "viuse que o virus proviña de África, onde se atoparon máis monos infectados, pero realmente os científicos pensan que realmente non son os monos os hóspedes orixinais, senón os roedores". Do mesmo xeito, e aínda que a orixe da varíola humana é descoñecida, pois xurdiu miles de anos atrás e non se conta con información ao respecto, tamén se sospeita que puido ser un virus orixinado polos roedores.
Polo tanto, e tendo en conta que ese primeiro caso detectado en humanos data do ano 1970, "xa fai moitos anos que os científicos tiñamos coñecemento deste virus". O que aconteceu foi que non lograra saltar ao ser humano ata fai ben pouco: no ano 2022. Foi nesa data cando apareceu a variante coñecida como Clado IIb e que, segundo indica Alcamí, "é unha variante máis atenuada que a nova, e que produce lesións na pel máis localizadas e con gran carga viral". No caso da nova variante detectada neste ano 2024, o Clado Ib, pola que a OMS declarou a recente emerxencia internacional, "trátase dunha variante máis semellante á da varíola humana, producindo unha infección moito máis sistémica e máis postular en diferentes partes da pel". En definitiva, conta cunha maior virulencia.
Con todo, os datos sobre esta variante e a súa virulencia aínda deben collerse con pinzas, pois "tradicionalmente falábase de que o Clado I, o máis virulento, causaba en África unha mortalidade da orde do 10 %, mentres que o Clado II rondaba o 1 %", pero "a detección do grao de virulencia tamén dependerá do número de casos diagnosticados: se non diagnosticamos moitos casos perdemos parte da realidade". De feito, no caso do Clado II, segundo apunta o investigador do CSIC, "sabemos que cando chegou a Europa e a América, o novo Clado IIb baixou o grao de mortalidade ao 0,1 %, moito menos que o que tiña en África". Hai que entender que é complicado estudiar e medir sobre o terreo as infeccións dun virus en África, un continente no que a maioría dos países non contan cos recursos sanitarios nin científicos suficientes para poder rexistrar todas as infeccións. O que é innegable e sábese con certeza é que agora mesmo no continente están circulando ambas as variantes do mpox.
"SE O VIRUS SE PODE TRANSMITIR POR AEROSOIS, ALGO QUE DEBEMOS ESTUDAR, HABERÍA QUE TOMAR MÁIS PRECAUCIÓNS"
Despois da súa declaración como emerxencia internacional, non tardou en xerarse un rebumbio de informacións ao redor do virus que rematou por causar certa confusión entre a poboación, especialmente no referido ás vías e á rapidez de transmisión do virus. Alcamí explica que hai unha diferenza na forma de transmisión entre as variantes. "Coa información que temos de infeccións pasadas, semella que o Clado II é menos trasmisible en humanos, de tal xeito que cando salta de animal a persoa, practicamente córtase aí a cadea de transmisión", apunta. Pola contra, "no Clado I, sabemos que cando salta do animal á persoa si se dan máis casos de contaxios, é dicir, ten unha maior capacidade infecciosa". Ata o de agora, as cadeas de transmisión do Clado I tamén se lograran cortar en humanos, pero "na actualidade o problema está en que o virus cambiou e estase transmitindo máis entre os humanos". A variante denominada Clado IIb foi quen puido facelo no 2022, e o Clado Ib estao a facer no 2024.
Entendido isto, tamén é importante coñecer cales son as vías de contaxio deste virus. O investigador do CSIC afirma que "o contacto é a forma principal de transmisión, porque as pústulas conteñen moito virus e resultan moi infecciosas, de tal xeito que unha persoa infectada que toca a outra pode pasarlle o virus, ou deixar o virus depositado tras tocar unha superficie coa zona infectada". Ademais, Alcamí tamén asegura que "sabemos que hai unha gran presenza de virus na saliva da persoa infectada co Clado IIb e, aínda que non sabemos a ciencia certa se ocorre o mesmo co Clado Ib, supoñemos que si". Isto supón unha verdadeira preocupación para os científicos, porque "o virus tamén podería transmitirse en gotículas de gran tamaño que viaxan curtas distancias".
Nesta liña, dende o CSIC, "gustaríanos poder investigar se os aerosois, que chegan máis lonxe viaxando polo aire que esas grandes gotículas, tamén son unha posible vía de transmisión do Clado Ib do virus, como xa vimos que acontecía no caso do covid". E é que, no caso do Clado IIb, "a vía de transmisión sabemos que realmente foi por contacto, é dicir, precisábase de contacto físico da persoa infectada para derivar en contaxio". "A preocupación agora está en que o Clado Ib é máis transmisible e, aínda que queda moito por estudar del, ao tratarse dunha variante totalmente nova e descoñecida, é posible que conte con máis medios de transmisión, como as gotículas e os aerosois", explica Alcamí, que prevé que, "de ser así, imos ter que intensificar a vixilancia". E é que, dentro do malo, "o contacto era algo relativamente fácil de conter, pero a transmisión dun virus por aire obríganos a tomar máis precaucións, como xa vimos co coronavirus".
"PRECISAMOS UNHA MOSTRA DA VARIANTE CLADO IB PARA O ESTUDO, ALGO QUE NOS LEVARÁ UNS 2 MESES CONSEGUIR, COMO POUCO"
Para poder estudar esta cuestión, o principal é contar cunha mostra do virus, algo que polo de agora "non temos". "Son mostras moi complicadas e conseguir e, aínda que dende o CSIC temos a capacidade de traballar con estes virus, porque temos laboratorios de alta seguridade nos que xa estudamos o Clado IIb, non vai ser sinxelo nin rápido dispor do Clado Ib para a súa análise", afirma Alcamí, que explica que "habería que illalo moi ben para poder transportalo sen risco a España, en condicións moi seguras, dende un país africano". Así as cousas, o investigador estima que "pódenos levar 2 meses conseguir a mostra, como pouco". Por sorte, tamén asegura que "xa comezamos a colaborar con laboratorios que traballan na República do Congo e na veciña República Democrática do Congo, onde está a orixe do problema, compartindo información con investigadores que están sobre o terreo".
Co que sabemos a día de hoxe, é posible combater a varíola do mono? Como nos explica Alcamí, "a vacina antiga do virus da varíola humana que se dispensou no seu momento ás persoas que agora contan con máis de 50 anos funciona e protexe tamén contra a varíola do mono, iso é algo que temos claro e, innegablemente, danos unha vantaxe". Por estudos realizados sobre a memoria inmunolóxica "sabemos que segue mantendo unha resposta bastante activa fronte ao virus da varíola que nos protexe tanto con anticorpos como con resposta celular". De feito, os propios científicos están asombrados de que siga tendo unha efectividade tan alta 40 anos despois de ser administrada, nun momento no que "un dos grandes problemas das vacinas está en lograr que a memoria inmunolóxica sexa duradeira, e non como no caso do coronavirus, no que vemos que segue sendo preciso revacinar cada pouco tempo".
"NO 2022 O GRUPO DE RISCO REDUCÍASE AO COLECTIVO HOMOSEXUAL, AGORA XA HAI UN 66 % DE CASOS EN MENORES DE 15 ANOS"
A parte negativa está en que esa vacina foi administrada a unha parte da poboación que a día de hoxe é moi pequena, polo que hai unha gran parte das persoas que non dispoñen desa protección. Entón, cales son os grupos de risco fronte a este virus? Alcamí explica que "no ano 2022 o grupo de risco estaba nun colectivo social relativamente reducido: homes que mantiñan sexo con homes". A día de hoxe o perigo segue estando nese colectivo, pero nesta nova variante "xa hai un 66 % de casos (5.254 dos 7.851 totais) diagnosticados neste 2024 en nenos menores de 15 anos na República Democrática do Congo", con 321 falecementos, polo que "se o virus comeza a infectar a outros grupos poboacionais haberá que ampliar os grupos de risco contemplados".
Sobre os síntomas, a enfermidade pasa por diferentes fases. Dende que unha persoa se infecta do virus ata que este se manifesta e comezan a aparecer os seus primeiros síntomas poden pasar entre unha semana e dúas, dependendo da variante. "Posiblemente entre unha semana e dez días sexan suficientes para comezar a ver as primeiras manifestacións: febre, reaccións... As pústulas si poden tardan algo máis en saír", apunta o investigador. Así as cousas, hai que pensar neste tipo de síntomas en persoas de países nos que a esperanza de vida é menor e a porcentaxe de poboación que esta vacinada contra a varíola humana é practicamente nulo, polo que "o virus tivo máis oportunidades de dar o salto aos humanos".
"EU DIXEN DENDE O PRINCIPIO QUE A SOLUCIÓN PASABA POR VACINAR E VACINAR ALÍ ONDE O VIRUS ESTABA"
Para Antonio Alcamí non hai dúbida de que o feito de que a África non chegasen todas as vacinas precisas para protexer contra o virus mpox aos milleiros de persoas que forman a poboación dos países máis afectados foi o gran problema. "Eu dixen dende o principio que a solución pasaba por vacinar e vacinar alí onde o virus estaba", reivindica o investigador, que asegura non entender "por que non se fixo". Como case todo neste mundo agocha razóns económicas detrás, Alcamí sostén que "se botasen contas os países máis desenvolvidos, seguramente lles compensase ter doado 200 millóns de dosis de vacinas para protexer á poboación deses países do virus, porque terían prevido o aumento da transmisión e evitado que o mpox chegase a eles, algo que xerará un impacto económico moi grande".
Pero sabendo que a vacina contra a varíola humana tamén protexe contra o mpox, por que non aplicala a persoas que non conten con ela? O investigador do CSIC explica que "as vacinas da varíola tradicionais, as que puxeron aos maiores de 50 anos cando eran nenos, xa non están recomendadas para este virus, porque eran vacinas moi reactoxénicas, que tiñan moitos efectos secundarios adversos e que, aínda que foron estupendas no seu día e grazas a elas se logrou erradicar a enfermidade, agora hai moitas máis esixencias a nivel de seguridade á hora de deseñar vacinas". Quere iso dicir que non hai forma de protexernos? Non, a poboación de risco xa se está vacinando, pero estao a facer cunha nova vacina da varíola, "máis atenuada e moito máis segura, tanto que ata se pode aplicar sen risco a persoas con inmunodeficiencias ou infectados co VIH". Alcamí anticipa que, "aínda que temos doses, creo que haberá que mercar máis".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.