Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 05/09/2024 | Actualizada ás 22:00
A mpox, varíola do mono ou vexigas do mono, está a xerar unha gran alerta entre a poboación xeral e os virólogos. Despois de que a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarase a emerxencia internacional o pasado día 14 de agosto, son moitos os que xa temen que chegue a converterse na próxima pandemia e que poidamos volver vivir o negro episodio da historia humana que tivo lugar fai catro anos co coronavirus. Sen embargo, este non é o único virus que os científicos teñen no seu punto de mira: gripe aviar ou febre do Nilo Occidental son outros dos candidatos a causar unha pandemia. Con todo, chama a atención que no caso da mpox se trate dunha enfermidade que xa se lograra erradicar a nivel mundial no ano 1979 grazas á vacinación. Como é posible que o virus mutase para dar lugar á actual epidemia? Para a viróloga e investigadora no CSIC Margarita del Val, que deu unha charla no XVII Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago, hai un factor determinante: "Non levamos vacinas da varíola a África no seu momento, como tampouco agora levamos as do coronavirus".
FEBRE DO NILO OCCIDENTAL
Á pregunta de se estamos preparados para recibir unha nova pandemia e facerlle fronte, a investigadora asegura que "antes deste verán a miña resposta era moito máis positiva, pero agora xa o é menos". E que foi o que levou a Del Val a mudar a súa opinión? A forma de actuar este 2024 ante o virus do Nilo Occidental. En concreto, este virus deu o salto a nivel de preocupación no ano 2020, cando se detectaron 77 casos e 8 mortes. En concreto chegou ao parque de Doñana, lugar de marismas e arrozais. Dende o CSIC realizaron traballos en colaboración coa Xunta de Andalucía, a sociedade e a estación biolóxica de Doñana. Deste xeito, puidose determinar que a orixe do virus estaba nas aves migratorias que chegaban á zona, das aves deu o salto a cabalos e, aínda que non era transmisible destas especies a humanos directamente, atopou no mosquito común un portador co que infectar tamén ás persoas.
Para bloquear a cadea de transmisión viuse que era efectivo fumigar ás larvas durante a primavera, con insecticida biolóxico. Se se mataba ás larvas non poderían prosperar en mosquitos portadores. "Sabiamos que a única transmisión posible aos humanos viña a través dos mosquitos, polo que eles eran o pescozo de botella sobre o que había que actuar", explica Del Val, que afirma que, "grazas a esa fumigación, puidose bloquear a transmisión". Este sistema de control e prevención funcionou en anos con clima benigno. Que aconteceu no 2024? Que se sumaron dous factores que facilitaron novamente a expansión do virus: un tempo anómalo e perfecto para a proliferación de mosquitos e a falta de fumigación a tempo das larvas. Así, "o que antes se trataba dun caso que chegara a nivel de brote, pero que non se consideraba aínda epidemia, agora está cerca de chegar a selo", lamenta a viróloga.
En concreto, "a primavera deste ano foi chuviosa e o inverno suave", polo que "a proporción de mosquitos infectados adiantouse ás previsións cinco semanas e non había xa plans de como actuar nin cando, o que causou un retraso importante na aplicación das medidas de contención". Por iso, agora xa hai 65 casos de persoas infectadas co virus do Nilo Occidental e 5 mortos rexistrados. Aínda así, Del Val confía en que "aínda estamos a tempo para facer unha fumigación tardía, porque temos ata outubro e novembro para poder fumigar aos exemplares xa adultos", algo que, aínda que xa é máis complicado e require máis inversión, é posible facer. "O brote podíase ter evitado, e agora debemos evitar que se convirta nunha epidemia e se espalle por España", advirte a viróloga, que alerta de que "os lumes se apagan no inverno, non no verán: temos que ser previsores e, este outono, prepararnos para decir quen, como e cando se vai proceder á fumigación das próximas larvas".
MPOX OU VARÍOLA DO MONO
Por outra banda, actualmente estamos enfrontándonos á mpox ou varíola do mono, tratando de conter o que xa é unha epidemia para que non se convirta en pandemia. En concreto, este virus comezou sendo unha epidemia autocontida, reducida aos países do centro do continente africano, pero agora convertiuse nunha emerxencia a nivel mundial sendo España o país máis afectado do mundo por habitante. E, aínda que a memoria humana é curta, non é a primeira vez que se declara a emerxencia mundial por este virus, xa acontecera no 2022, pero eliminárase no 2023. Así as cousas, como é posible que volvera xurdir a ameaza tan só un ano despois? A desactivación da alerta veu derivada de que "tras a aplicación das vacinas, o virus baixou a niveis de circulación moi escasos na maior parte dos países de altos recursos, pero esas vacinas non chegaron a África, onde o virus se seguiu multiplicando".
"Teriamos que ter levado vacinas a África", lamenta Del Val, que considera que un dos impedimentos para que isto non acontecese foi "que o prezo das mesmas non é asequible para países con recursos medios ou baixos como os africanos, polo que precisan de doazóns, que si se levaron a cabo, pero que non foron o suficientemente numerosas como para vacunar a unha poboación de millóns de persoas que precisaba millóns de vacinas". Despois de que o pasado 14 de agosto a OMS declarase a emerxencia internacional reactiváronse as doazóns, pero xa chegan tarde. Agora o virus "está pasando do medio rural ao urbano, chegando a novos países africanos nos que non estaba antes presente que contan con máis zonas urbanas que son visitadas por turistas estranxeiros". A alerta non é menor, pois o nivel de infeccións é tan alto que se atopa no límite entre epidemia e pandemia.
Del Val lembra que este virus xa era coñecido en roedores, pero "darlle a oportunidade e a posibilidade de multiplicarse nun hospedador novo, como é para el o ser humano", foi o erro. Agora aprendeu a transmitirse mellor entre as persoas. Ademais, "ao ter unha transmisión sostida en países como a República Democrática do Congo, o virus agora xa ten unha linaxe distinta, e unha linaxe que causa unha infección de 10 a 15 veces máis grave que a orixinal, sobre todo entre os nenos", explica a viróloga. Con todo, para Del Val "o importante é que xa contamos cunha vacina para esta enfermidade, que é eficaz e que permite vacunar aos maiores e á poboación de risco, e que xa se comprobou en anos anteriores que funcionou ben".
Ademais, "cando se deu a recomendación aos colectivos de risco de vacinarse, a poboación respondeu ben, o que evidencia o coñecemento e madurez social a nivel de vacinación derivado da covid", de tal xeito que, "se se complica algo, reaccionaremos moito mellor", considera a investigadora. E tamén se debe ter en conta que a poboación maior de 50 anos xa conta con algo de inmunidade por ter recibido no seu momento a vacina contra a varíola común. "O da varíola común e o mpox non se tratan do mesmo virus, pero son o suficientemente semellantes como para que a vacina contra o primeiro protexa ás persoas contra o segundo, o cal nos saca da zona de perigo a toda a poboación que foi especialmente vulnerable durante a pandemia do coronavirus", explica Del Val. É por iso que agora a poboación de risco restrinxiuse aos máis novos, aqueles que non teñen posta a vacina contra a varíola.
GRIPE AVIAR
Pola súa banda, outro dos grandes virus candidatos a converterse nun futuro en pandemia é o causante da chamada gripe aviar. "É unha enfermidade que afecta a animais, pero o problema agora está en que estamos vendo que cada vez afecta a un maior número de especies, que xa chegou a vacas, gatos e mamíferos mariños, e que mesmo se detectaron algúns casos en humanos", explica Del Val. Se ben é certo que ata o de agora houbo poucos casos, "que se estea repartindo por tantos animais fai que teñamos que estar atentos e vixiar a súa expansión para poder paralo a tempo se se complica, xa que neste 2024 volveuse detectar un número alto de infeccións", plantexa a viróloga. A letalidade en humanos da gripe aviar sería moito máis alta que a da gripe común ou que a do coronavirus, ata o punto de que ata o de agora máis da metade das persoas infectadas morreron: 462 mortes entre os 888 casos reportados.
"Polo de agora o virus nun está adaptado a humanos, e non queremos darlle a oportunidade", afirma Del Val, que conta que "na actualidade contamos con 7 vacinas autorizadas contra a gripe aviar para o seu uso en humanos", de tal xeito que "o risco de que este virus se convirta en pandemia é baixo", xa que "só se detectaron algúns casos aillados, pero non chegou a haber contaxio entre persoas como para chegar nin sequera a ser considerado brote". Agora ben, como aconteceu no caso do coronavirus, que pillou á comunidade científica por sorpresa, nunca se sabe o que pode acontecer se un dos virus que actualmente cremos controlados muta ata poder poñer en xaque a supervivencia da especie humana ou se aparecerá algún novo do que agora non se teñen rexistros que pille co pé cambiado novamente aos expertos e á sociedade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.