Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 04/10/2023 | Actualizada ás 19:57
A Xunta declarou catro novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) noutras tantas explotacións bovinas dos concellos de San Sadurniño, Pontedeume e Vilamaior, na provincia da Coruña; e en Riós, na provincia de Ourense. En todos os casos, segundo informa, só un animal do total do censo presentaba sintomatoloxía compatible con esta enfermidade. Con iso, xa son seis os animais contaxiados na rexión, sumándoos aos dous focos detectados nos concellos da Capela e Abegondo.
Os servizos veterinarios oficiais procederon de inmediato á toma de mostras dos animais sospeitosos, que foron confirmados positivos á devandita enfermidade polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, en Madrid. Tal e como destacou a Xunta, a EHE é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides.
Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Por tanto, existe un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que, ao non existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.
A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. O Goberno galego aclarou que esta doenza non afecta as persoas, nin pola picadura do mosquito transmisor, nin por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal de exemplares afectados.
AFECTA A RUMIANTES SILVESTRES
A EHE afecta especialmente a ruminantes silvestres, fundamentalmente cervos, tamén corzos ou gamos. No gando doméstico só o bovino resulta afectado coa aparición de síntomas nalgúns animais. O gando ovino pode tamén infectarse pero non aparece sintomatoloxía, mentres que as cabras non son sensibles a esta enfermidade.
En canto aos estudos preliminares realizados en España, as comunidades autónomas afectadas este ano por EHE presentan un dato de morbilidade media (número de animais que presentan síntomas respecto ao total do rabaño) do 7,53 % e unha mortalidade media nos animais afectados inferior ao 1 % (0,51 %).
No gando vacún pode presentarse clínica moderada, con febre, perda de apetito, edema facial, secreción ocular e/ou nasal, salivación, dificultade respiratoria, eritema ou descamación en boca e nariz, coxeira ou eritema do ubre, síntomas que normalmente desaparecen en aproximadamente dúas semanas. En canto ao gando ovino e caprino, non hai constancia de enfermidade clínica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.