Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 14/10/2023 | Actualizada ás 14:00
A Lei de Benestar Animal entrada en vigor fai cuestión dunha semana non só provocou discrepancias entre a poboación xeral, senón tamén entre os propios profesionais veterinarios. "Nós discrepamos por varios motivos", explica Luis Núñez, presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios e do Colexio de Veterinarios de Pontevedra, que expón en primeiro lugar que "non se contou con nós ao principio, polo que sobre o texto inicial, cando nolo deron para poder presentar emendas, xa non estabamos de acordo". Por sorte, confirma que "algunhas cuestións que presentamos recolléronse no texto definitivo".
"Esta norma podía considerarse necesaria, pero aínda así xa todas as comunidades tiñan unha serie de normas autonómicas que regulaban aspectos que agora contén repetidos esta norma, en Galicia, en concreto, temos a Lei 4/2017, en vigor dende xaneiro de 2018, que recolle moitos aspectos desta lei nacional, polo que hai cousas que se venden como novidades que realmente non o son", afirma Núñez.
Pola súa banda, o presidente do Consello Oficial de Veterinarios da Coruña, Javier Balado, incide tamén en que xa había normas autonómicas. "Haberá que ver o encaixe destas normativas autonómicas coa nacional, nos asuntos nos que non se contrapoñan non haberá problema, pero naqueles nos que amosen disparidade de criterios, a que prevalece sempre é a norma estatal sobre a autonómica", plantexa. Dende Galicia Confidencial profundamos da man dos veterinarios nas principais controversias xeradas por esta nova (ou non tan nova) lei de benestar animal.
IDENTIFICACIÓN: "É O MELLOR MÉTODO DE LOITA CONTRA O ABANDONO"
O presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios considera que "este é o mellor método de loita contra o abandono", pois "ti só abandonas a un animal cando sabes que non che poden pillar", expón. "Se o can ten microchip único, sabes que enseguida che van localizar e abandonalo é poñerte unha soga ao pescozo", afirma Núñez, reitrando que "a identificación é o principal método para poñerlle fin ao abandono de animais". A nova lei establece a identificación obrigatoria de gatos, cans e furóns, para saber a trazabilidade dun animal dende o seu nacemento ata que este chega a pertencer a unha persoa.
Con todo, asegura que en Galicia isto non é algo novo, pois na nosa terra "xa hai un decreto que data do ano 2002 que establecía a identificación como requisito obrigatorio para todos os cans, é dicir, que xa vamos para 21 anos de existencia desta obrigatoriedade, ratificada, á súa vez, no 2018, momento no que houbo un repunte de identificacións non porque fose algo novo, senón porque se lle deu bastante rebumbio". Por iso, este veterinario imaxina que na actualidade, coa nova lei, sucederá algo semellante, experimentándose un novo repunte.
Neste senso, Núñez aposta por "comezar a facer controis e a identificar aos animais non identificados para propoñer aos seus donos para sanción se xa foron avisados en varias ocasións". "Nós sempre lle dicimos aos concellos que nos preguntan que o mellor é que fagan un aviso de que van facer controis pola zona, do mesmo xeito que Seprona os realiza sobre os montes, entregando unha serie de lectores de chips á Policía Local para que identifique aos cans con microchip", indica o presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios.
Ademais, propón que "a primeira vez que se realizan os controis non se sancione, senón que só se dea un aviso, e se avise ao dono en cuestión que se volverá dentro dunha semana a comprobar se xa se realizou a identificación do animal", en caso de non ser así, "si proceder á sanción". Pola súa banda, Balado cre que a identificación mesmo resulta necesaria para levar a cabo trámites sanitarios. "Calquera acción que se leve a cabo sobre o animal, dende unha castración ata unha esterilización ou calquera tratamento que necesite, debería quedar así rexistrada nunha especie de 'cartilla' sanitaria, e non pode poñerse 'vacunei a un gato negro que se chama Garfield, a única maneira de ter control sobre o que se fai aos animais e ter a súa documentación asociada ao microchip", asegura.
CURSO PARA PODER TER UNHA MASCOTA: QUEN PAGA A QUENES O IMPARTEN?
"O curso vai a haber que facelo, si ou si, de feito xa a Dirección Xeral de Dereitos dos Animais sacou unha nota que especifica que si vai ser obrigatorio, o problema está en que non se vai esixir mentres non se publique un reglamento que desenvolva a lei", explica Núñez, que afirma que cun Goberno en funcións tocará esperar, pois "o regulamento está paralizado pola situación actual da política, cun Goberno en funcións que non se mete nestas cuestións, porque sabe que a sociedade é moi sensible ante elas" e, polo tanto, que lle pode perxudicar.
Deste xeito, polo momento os veterinarios mantéñense á espera de ver o que sucederá. "Veremos que tipo de temario se desenvolverá", manifesta Núñez, á vez que augura que "non se tratará dun exame ao uso", partindo de que o curso será gratuíto. "O que nós dicimos é que aínda que o curso sexa gratuíto, terao que dar unha persoa experta, polo que terá que haber unha dotación suficiente de persoal para impartir o curso, e alguén terá que asumir o importe que supoña pagar a esta xente, aínda que non sexa o destinatario final", incide o veterinario.
Pola súa banda, Balado afirma que ao tratarse dun curso gratuito e, de primeiras, online, "non está mal sempre que non supoña un trastorno para os propietarios dos animais", pois "aportará información e comprobarase que teñen uns coñecementos mínimos para poder coidalos". Con todo, considera que "non creo que lle vaian abrir os ollos a ninguén en moitos aspectos, pois unha persoa que ten un can xa sabe como coidalo, estará máis ben orientado cara a responsabilidade que supón ter unha mascota, saber os anos que vive, evitar as compras impulsivas e cuestións polo estilo". Aínda así, cre que hoxe por hoxe esas compras compulsivas xa son minoritarias e que a sociedade está cada vez máis concienciada.
SEGURO OBRIGATORIO: AÍNDA NON SE SABE A CANTO ASCENDERÁN AS PÓLIZAS
"Nós si que estamos de acordo en que o propietario dunha mascota ten que ter un seguro de responsabilidade civil obrigatorio para poder emendar os posibles danos que poida causar o seu animal", amósase convencido o presidente do Consello de Colexios Veterinarios de Galicia. Pero, tal e como recoñece, "a nova lei indica que hai que ter seguro obrigatorio, pero non o importe do mesmo nin o mínimo que se pagará en caso de danos".
A día de hoxe existe xa o seguro de responsabilidade civil para cans potencialmente perigosos en funcionamento dende o ano 2002, por importe de 120.000 euros. "Noutros cans fálase de que podería ascender a 30.000 euros, pero son as compañías de seguros as que finalmente o decidirán", expón Núñez. O importante, na súa opinión, é que cada póliza vaia asociada ao número de identificación do can en cuestión, é dicir, "se tes dous cans aseguras cada un por separado, non podes aseguralos aos dous xuntos, son animais independentes e como tal cada un ten a súa propia identificación". "É como o seguro dos coches, se ti tes un Audi A4 tes que poñer a matrícula, non podes poñer o modelo en xeral porque hai que saber a que coche en concreto vai dirixida a póliza", exemplifica Núñez.
Balado asegura que o feito de que ata hoxe outros animais que non fosen cans non tivesen como obrigatorio ese seguro non lles eximía de responsabilidade aos seus propietarios, pois "en ausencia de seguro o propietario ten que responder co seu patrimonio aos danos causados pola súa mascota". "É como se ti vas no coche pola rúa sen seguro e lle das un golpe a un terceiro, estás obrigado a arranxalo, así que se un gato cruza a estrada e provoca un accidente grave con feridos, esas vítimas teñen que ter onde cobrar, e iso é o que ben a garantizar este seguro obrigatorio", expón o presidente do Colexio de Veterinarios da Coruña.
ESTERILIZACIÓN E CASTRACIÓN: A CRÍA PUNTUAL DEIXA UNHA PORTA ABERTA
Dous dos conceptos que máis lle preocupan aos veterinarios sobre a nova lei de benestar animal son os que falan sobre a esterilización e a eutanasia. "A esterilización debería ser previa a un dictame veterinario que a establecese, ata o de agora xa era obrigatoria, pola norma autonómica, para os cans de perreiras adoptados, pois ester animais debían entregarse á súa nova familia esterilizados", explica Núñez.
Sobre a castración, o presidente do Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña explica que "para os cans non ten por que facerse de forma quirúrxica, pode facerse unha inhibición". Nos gatos "si debe ser quirúrxica, salvo para aquelas persoas que se adican á cría puntual, pero, que é a cría puntual? Por aí queda unha porta aberta pola que se poden coar todos os casos, porque calquera propietario dun gato para non castralo pode declararse criador puntual", expón. Por outra banda, considera que aqueles propietarios que só teñan un animal igual non teñen que castralo, pois se non se relaciona con outros a reprodución é imposible.
EUTANASIA: "NON LLE PODEMOS PEDIR A DECLARACIÓN DA RENDA AOS DONOS"
E sobre a eutanasia, a lei prohíbe o seu uso en casos nos que o animal poida sobrevivir con coidados paliativos, de xeito que se o dono non pode sufragar os custes derivados, sexa o Concello o que teña que facerse cargo. "Os gastos derivados, por exemplo, dun tumor, son moi caros a nivel de tratamento farmacolóxico, e moitas veces resultan inasumibles para as persoas, haberá que ver como se articula a cuestión", conclúe o veterinario pontevedrés.
Pola súa banda, Balado asegura que a lei neste aspecto resulta "confusa", porque "técnicamente sempre van existir posibilidades de tratamento, pero ninguén vai facer un tratamento moi caro para un animal". Por iso, cre que esta norma "vai dar moitos problemas de interpretación, porque o que habería que facer é evitar o sufrimento do animal neste tipo de situacións", explica, e "non é que o dono o desatenda, senón que non conta cos medios económicos suficientes para facer fronte ao seu tratamento, é dicir, o animal non está desatendido". Por outra banda, como é lóxico, admite que "nós non podemos pedirlle tampouco a declaración da renda a un propietario dun animal para saber se pode facer fronte aos gastos ou non".
MASCOTAS EXÓTICAS: É O MESMO TER UN PERIQUITO QUE TER UNHA SERPE?
Os veterinarios consideran que este é o tema que está máis no aire. Como explica Balado, hai certas especies que xa estaban prohibidas antes da aprobación da nova lei, por suposto, as declaradas como especies exóticas invasoras recollidas na normativa do ano 2006, como a tartaruga de Florida orellas vermellas, a cotorra arxentina ou os mapaches. Pero a lei actual fala de toda unha serie de novos animais como os primates, os réptiles de máis de dous quilos exceptuando as tartarugas e os animais velenosos, como poden ser os escorpións, as serpes de cascabel... "Pero deixa aberto o caso dos animais de compañía máis comúns como periquitos, agapornis, lagartos e culebriñas que a xente ten pola casa".
Polo momento, o presidente do Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña cre que se fará un listado positivo, "pero a xente ten moitas dúbidas e non para de chamar para realizar consultas". Hai moita xente que ten como mascota un periquito. "Problemente estas especies comúns si se poidan ter, pero é algo que aínda está sen determinar", expón. Así as cousas, que fai a xente que xa as ten? "Ahora déronlles un prazo de seis meses para comunicar ás administracións responsables, que serían as autonomías, a tenencia destes animais, e despois en función da especie decidirase, porque non é o mesmo ten un canciño da pradeira como Timón que ter a Pumba, así que probablemente os animais máis grandes que estean en situación inadecuada, que poidan escapar e que sexan perigosos, deban ter solución", di Balado.
En concreto, cre que "ou ben se lles evitará criar, ou lles obrigarán a castralos ou darase unha transición entre estes animais que xa están en mans de propietarios e outros que poidan acabar nelas, deixando que eses morran de vellos en propiedade pero que non sexa posible a adquisición doutros novos, ou tamén poderían acabar en zoos ou áreas protexidas". "Haberá que ver como se desenvolven os primeiros casos de tenencia destes animais, en función da especie procederase e iranse sentando precedentes", augura Balado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.