Por Gabriel Rei-Doval | Geyserville (California, USA) | 20/10/2023 | Actualizada ás 16:00
Deixei Mendocino de mañanciña. O convite de Al e Marsh para navega-la costa circundante no seu Nautillus semellaba un déjà vu da Iberia inaceptable. Así que paguei a gasolina máis cara do país e sen agardar retomei o rumbo sur da 101.
Os incendios forestais seguían no aínda afastado condado de Los Ángeles, mais eu centreime na ruta das frondosas arboredas. A bonanza continuaba lonxe da urbana California que xa gozara en viaxes precedentes, e case sen me decatar arribei naquela diminuta vila do condado de Sonoma con escaparates de antano, beirarrúas de madeira e arrecendos deliciosos.
O primeiro deber de todo peregrino en ruta é asegura-la pousada nocturna, mais os azares de airbnb leváranme xa ó templo local da exipcia Isis. Así que arrombei a miña equipaxe lixeira nun cuarto luminoso e perdinme entre os pavillóns de espazos amplos, onde se respiraba un aire tan vaporoso coma os géyseres daquela vila do salvaxe oeste.
Saín do cuarto e paseando atopei en animada conversa familiar a Colleen, adubada con vestido branco ata o calcaño, feliz polo seu casamento inminente naquel soleado día de novembro. Con curiosidade pregunteille se programara a cerimonia naquel centro de retiro e respondeu que o ritual do enlace tería lugar nun outeiro próximo, en Cloverdale.
E de súpeto apareceu unha alteradísima Heather, co seu vestido de tripla cenefa cebra e ouro, longa saia de tubo, zapatos de tacón de cinguidoiros dourados e grilandas brancas sobre liso cabelo longo. Os seus ollos tamén abombados tomaran forma circular munchiana: a diminuta Dolce desaparecera mentres as noivas se acicalaban no vestidor do cuarto. En frenética procura canina, convidados e noivas bulían coma polos sen cabeza. E eu, mentres voltaba ó cuarto de vagariño, adiviñei na floresta o cintilar duns olliños chihuahua agachados tras un mangado de gardenias brancas. Achegueime con coidado e, acariñándolle o lombo pardo e negro, tomeina polo ventre con agarimo. A súa reacción con rabexar protestón alertou a Heather, que axiña correu onda min, desfacéndose en agradecemento. Polo visto, Dolce levaba días incomodada por un casamento que lle restaría atención na casa. Tamén Colleen chegou cuberta de gardenias brancas e as dúas alternaban pregarias, agradecementos e súplicas para unirme á súa cerimonia nupcial.
Logo dun intre en cortés negativa aceptei e Esther, irmá de Colleen e camioneira nas rutas californianas, insistiu en levarme ata o lugar do enlace no seu Daimler eCascadia do trinque. Así que, adiando ata a mañá seguinte o plan de estira-las pernas ata Russian River e goza-las vintesete esculturas do Sculpture trail, alá fun ó casamento pagán en camiseta verde e vaqueiros azuis, sorprendido de que a miña vestimenta moving on para nada xerase ollares de reprobación na socialmente móbil California, allea ós resesos valores da vetusta Europa.
Así, na cabina do eCascadia, cheguei a un outeiro de vistas divinas sobre a bisbarra. A carreiriña dun can separaba o aparcadoiro de arxila do círculo entre os carballos, adubado para a ocasión con abelorios cristalinos e imaxes diminutas de Isis montadas sobre fío transparente. O núcleo duro do grupo seica-exipicio rodeou a Colleen e Heather, desprovistas dos seus elegantes zapatos na forza telúrica da herba. E baixo o sol do oeste, catro parellas pagás invocaron na cerimonia nupcial cadanseu punto cardinal naquel cuadraxésimo sétimo día do outono de dousmil dezaoito.
A celebración rematou entre aplausos e sorrisos empáticos e Esther confirmou que todo estaba listo no reservado de Diavola para a cea vegana que pecharía as celebracións antes de as noivas recollérense na suite nupcial da deusa Isis. Unha vez no xantar, na longa mesa nupcial esgazada entre o paganismo exclusivo e o resto do mundo, fixen de biombo entre a compangada amable das familias e os ollares distantes das parellas oficiantes da espiritualidade senlleira. Mais todo rematou axiña, cando o Key Lime Pie cociñado en forno caseiro, que contraviña as ríxidas normas sanitarias do restaurante, ocasionou o traslado do doce remate nupcial ó divino oasis.
Os comensais voltaban con etílico camiñar exipcio ó divino templo mentres eu matinaba na exquisitez global das relixións. Se cadra a distancia entre a Nosa Señora e a Isis dos Ollos Grandes era similar á de calquera outra ortodoxia humana. A Nosa Señora está rodeada de pícaros querubíns; a inmortal Isis, coroada por disco vermello entre cornos de vaca e alados brazos, preside devocións orientais no cerne do capitalismo. E así muros e apartheids diversos seguen separando mulleres e homes, na tradición e na modernidade, no nome de relixións diferentes, en California, en Exipto, en Galicia, e en Israel. Ante iso, apenas queda un recurso, agardando que from the river to the sea, we should all be free!