Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2023 | Actualizada ás 12:26
As familias, ademais dos alumnos e os profesores, poden facer uso dos 'Polos creativos' que desde este curso estarán instalados na totalidade dos centros públicos e concertados de Galicia. Son espazos dotados de equipos especializados para fomentar a aprendizaxe práctica en materias como a informática, o audiovisual e a robótica.
Así o contempla a orde publicada este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, en previsión de que este ano académico 2023/24 o 100 % dos centros sostidos con fondos públicos conten con estas dotacións. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa anunciara en xuño a ampliación deste programa posto en marcha en 2022. Así, cun investimento de 19 millóns de euros, instalaríanse máis de 1.000 'polos creativos' novos que se sumarán aos 225 que xa funcionaban en colexios de segundo ciclo de Infantil (desde 3 anos), Primaria e ESO.
Supón dotar a todos os centros de tecnoloxía como robots, realidade virtual, equipos audiovisuais, impresoras 3D e xogos de construción, entre outros. O número de unidades e equipos a recibir estará en función do número de escolares de cada etapa. Estes 'kits' tamén se poñen a disposición daqueles alumnos que, por motivos médicos, reciban educación en aulas hospitalarias ou nos seus domicilios.
De acordo coa orde publicada no DOG, estes polos están concibidos como "centro de actividades" de carácter tecnolóxico "abertos ás comunidades locais". É dicir, buscan o desenvolvemento de "competencias dixitais e científico-tecnolóxicas e artísticas do conxunto da cidadanía".
Así, ofertaranse iniciativas formativas para "diversos colectivos" coa "participación de alumnado, profesorado e familias". "Fomentará especialmente aquelas accións que impliquen a participación de nais e pais xunto cos seus fillos e fillas en actividades tanto de formación como de creación", agrega esta regulación.
A orde tamén outorga "autonomía" aos centros educativos para configurar as accións vinculadas aos polos, que serán xestionados por un equipo dinamizador que terá á fronte a unha persoa coordinadora. Os centros públicos que conten con 'polos creativos' contarán cunha liña específica no plan de formación permanente do profesorado da Consellería de Educación. Ademais, a participación dos docentes nos equipos dinamizadores pódese convalidar por 20 horas de formación permanente. No caso do coordinador do polo, a equivalencia será de 50 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.