Galicia, disposta a levar á CNMV o "diferencial" de prezo do leite galego respecto ao resto de España

O conselleiro do Medio Rural censura as declaracións da Fenil sobre a competitividade do sector lácteo e asegura que se o prezo do leite baixa un pouco máis os gandeiros entrarán en perdas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2023 | Actualizada ás 18:33

Comparte esta noticia

A Xunta mostrou a súa disposición a denunciar ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) o "diferencial" que paga a industria polo prezo do litro de leite que se produce en Galicia en comparación coa media do Estado ao enteder que esta desigualdade "non se xustifica por circunstancias obxectivas de calidade". Así o avanzou o conselleiro do Medio Rural, José González, en declaracións aos medios antes de participar nunha reunión na sede do Goberno galego con representantes de diferentes industrias lácteas para abordar a situación do sector.

Unha vaca dunha gandaría de lácteo en Sabadelle, en Chantada
Unha vaca dunha gandaría de lácteo en Sabadelle, en Chantada | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Alí, o responsable do Executivo autonómico indicou que se Galicia continúa por detrás do resto do Estado no prezo de leite que a industria paga os produtores, algo que non está sustentado en criterios "obxectivos de calidade", e que trasladará esta situación ao organismo que vela polas regras da competitividade na economía estatal para que avalíe se deben adoptarse medias.

"Nunca o entendemos, pero neste momento en concreto non vemos que poida haber esa diferenza tan grande que se está producindo", sinalou González, quen cargou contra a Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) polas súas recentes afirmacións nas que vinculaba o prezo que se paga polo leite en España aos problemas de competitividade da industria.

"O que lastra a competitividade da industria é que non haxa gandeiros e, por tanto, que non haxa leite. E para que haxa gandeiros, ten que haber un prezo que cubra os custos de produción máis a rendibilidade que é necesaria como calquera outro empresario. Así o teñen que entender", sentenciou o conselleiro.

Tras convidar á Fenil a dedicar o diñeiro que ten nos seus orzamentos para promoción a unha campaña para publicitar o consumo de leite con orixe española, sinalou que os datos que proporciona o mecanismo de monitorización do sector creado pola Xunta (a denominada 'conta láctea') evidencian que "se os prezos baixan respecto dos que están agora, os gandeiros colocaríanse nunha situación de perdas". Así pois, demandou á industria "estabilidade a medio e longo prazo" porque ese é o camiño para facilitar "unha substitución xeracional que é moi necesaria no sector".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta