Xoves reabren os recintos masivos de vacinación contra a gripe e a covid para persoas de entre 65 e 79 anos

Ofrecerase a todos os que acudan a posibilidade de participar nun ensaio clínico. Así, os 450.000 galegos que sexan citados poderán escoller voluntariamente se porse a vacina normal contra a gripe ou se inocularse unha de dobre dose, como a que xa se lle pon aos maiores de 80.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2023 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

Un total de 13 recintos de vacinación masiva reabrirán este xoves no marco da dobre campaña que desprega o Servizo Galego de Saúde (Sergas) para inmunizar contra a gripe e a covid-19 a pacientes de entre 65 e 79 anos. Unha vez acabada a fase de vacinación nas residencias e nos centros de saúde de referencia para maiores de 80 anos, este xoves volverán os 'vacunódromos' cunha importante novidade: ofrecerase a todos os que acudan a posibilidade de participar nun ensaio clínico.

Así, os 450.000 galegos entre 65 e 79 que sexan citados para estes próximos días poderán escoller voluntariamente se porse a vacina normal contra a gripe ou se inocularse unha de dobre dose. Trátase dun medicamento que xa está comercializado e que xa reciben os maiores de 80 anos, polo que este estudo (capitaneado pola Consellería de Sanidade e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago - IDIS) busca determinar se produce a mesma resposta inmune en franxas máis novas.

Este proxecto, que recibe o nome de 'Galflu', buscará que haxa polo menos 50.000 voluntarios das 450.000 persoas que están citadas para esta nova fase da campaña de vacinación. Os que opten por participar no ensaio clínico terán un seguimento especial por parte do Sergas, que vixiará posibles efectos adversos a través da historia clínica electrónica, é dicir, sen que o paciente teña que acudir a facerse probas ou consultas específicas.

PUNTOS MASIVOS DE VACINACIÓN

Polo xeral, os 'vacunódromos' serán os mesmos lugares de campañas anteriores, desde a irrupción da covid-19. Haberá un total de 13 repartidos polas principais cidades e vilas de Galicia. Na área sanitaria da Coruña-Cee haberá só un, que será Expocoruña, na cidade herculina. Tamén haberá un punto único de vacinación na de Vigo, que será o Ifevi; e na de Ferrol, nun edificio anexo ao recinto de feiras FIMO.

Na de Santiago-Barbanza, habilitarase de novo a Cidade da Cultura e haberá outro lugar onde recibir as doses no hospital de Ribeira. Tamén serán dous na área de Pontevedra-O Salnés: a sala de exposicións da Delegación Territorial da Xunta en Campolongo, na capital provincial; e no hospital de Vilagarcía de Arousa. Na área de Lugo-A Mariña-Monforte, serán tres os 'vacunódromos' abertos. Un será o do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), outro o hospital de Burela e o terceiro un espazo anexo ao IES Río Cabe de Monforte. Outros tantos haberá na área ourensá. Na capital, vacinarase en Expourense, ao que se suman postos de vacinación nos hospitais do Barco de Valdeorras e Verín.

Unha persoa maior á súa entrada para vacinarse da cuarta dose de Pfizer na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela
Unha persoa maior á súa entrada para vacinarse da cuarta dose de Pfizer na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta