Ignacio Castro na zona de sombra

Que sucede cando un pensador que debería ser un referente é ignorado no seu propio país? Será a maldición implícita no vello dito de que ninguén é profeta na súa terra a que exerce os seus designios sobre nós?

Por Ramón Torrado | Noia | 16/06/2015

Comparte esta noticia
O novo libro do filósofo compostelán Ignacio Castro Rey chámase Pontes co diaño (Corsárias Editora, 2015) e está constituído por doce entrevistas ao autor, que engade un limiar e un epílogo. Aínda que hai interese en todas elas, chaman a atención oito entrevistas en particular pola intensidade dos intercambios.
 
Os problemas da sociedade actual e as posibles respostas aos mesmos son a base desta obra. Para sorpresa do lector, Ignacio Castro responde cunha valentía e cunha intensidade tan grandes que o efecto é case o dunha febre ou unha cascada de ideas que non adoitan aparecer, e menos con semellante ferocidade, nos medios de comunicación.
 
Pode ser un paradoxo – unha inxustiza produtiva - que Castro non forme parte do establecido, xa que así goza de máis liberdade para expresarse. O feito de que traballe de profesor en Madrid tamén é posiblemente significativo no tocante a Galicia por engadir as vantaxes de contemplar a nosa realidade dende unha certa distancia.
 
Vale, máis ... que nos ofrece Ignacio Castro nunha obra de  título tan provocador? Hai que empezar por dicir que este libro case non fai concesións, o cal acaba sendo unha fonte de orgullo. Tanto a linguaxe como os contidos das respostas son de impresionante complexidade e densidade. A profunda calidade das ensinanzas de Castro é abafante e chega a ser moi conmovedora cando o tema é o percorrido vital: como debemos levar as nosas vidas?
 
Este filósofo suxire unha e outra vez que debemos entrar na escuridade. Os aparatos que nos rodean – e resulta cada vez máis preocupante ver as rúas cheas de xente magnetizada polos seus teléfonos móbiles – son como nubes protectoras que nos fan débiles, narcisistas e infantís no mal sentido. Castro opón a este estado da cuestión a pureza dos bárbaros en países menos afectados polos supostos avances da civilización. 
 
No caso dos máis mitómanos, o libro servirá para esculpir unha figura virtual do autor. Como é realmente este home que nos fala así? Será humilde ou arrogante, sensible ou endurecido, aberto ou inflexible? Hai detalles reveladores, pero Ignacio Castro queda máis ben envolto nunha bruma púrpura que leva aos interesados a entrar na rede á súa páxina, na cal abraia o número de publicacións e de discursos realizados.  O tomo que comentamos pode servir como un útil compendio da súa visión, e agradezo ao autor que contestara e publicara no seu blogue as miñas preguntas sobre o libro, facéndome un entrevistador engadido.
 
Nunha época na cal o mundo cultural galego está consumido por varios males, e agora que non dan aparecido xenios no campo da música e noutras áreas creativas, pódese realmente prescindir dun pensador xenial que é noso? Pasará a súa obra desapercibida se non chega alguén de fóra que se interese por ela? Todo indica que o pensamento alternativo é o camiño a seguir, e este libro é unha iluminación para os nosos pasos.
 
En definitiva, Ignacio Castro describe a súa e a nosa condición de individuos enfrontados á soidade e aos golpes brutais da vida e expón algunhas vías de liberación e de defensa. Pontes co diaño ten como piares unha amplísima cultura, representada por numerosos filósofos e pensadores (varios deles pouco presentes no inconsciente colectivo), e unha moi potente intelixencia que desenmascara moitos erros da nosa existencia actual. Castro é como un Emilio Lledó en peles de oso, celta e máis salvaxe, e non se arreda de dicirlle ao emperador que está espido.      

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ramón torrado Ramón Torrado Romero (Araño-Rianxo, 1966). Educado en Galicia, no País Vasco e nos Estados Unidos. Licenciado en Filoloxía Inglesa na USC, é profesor de instituto. Investigador rosaliano. Foi colaborador en Certo, xornal dixital de Barbanza. Ten escritas catro novelas, un libro de relatos e outro de viaxes, entre elas, Rebeca no val das sombras ardentes (Toxosoutos, 2018) e "Torino" (Axóuxere, 2021), a súa última obra publicada.