O Concello de Pontevedra aproba definitivamente en pleno a modificación do cadro de persoal

A concelleira responsable da área de Persoal, Eva Vilaverde, sinalou que esta modificación supón dar "un paso adiante na mellora da organización e dos servizos municipais".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/11/2023 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra aprobou definitivamente a modificación do cadro de persoal de 2023 nun pleno extraordinario de pouco máis de oito minutos no que a proposta saíu adiante co voto a favor do BNG e a abstención do PP e do PSOE.

A concelleira responsable da área de Persoal, Eva Vilaverde, sinalou que esta modificación supón dar "un paso adiante na mellora da organización e dos servizos municipais" e, por tanto, "na prestación dos diferentes servizos á cidadanía", declarou.

Este era o único asunto que figuraba na orde do día e xa fora debatido na sesión plenaria do pasado mes de setembro, aínda que tivo que volver a pleno pola presentación de tres alegacións por parte do sindicato Comisións Obreiras.

Estas alegacións foron desestimadas polos técnicos municipais, segundo explicou Eva Vilaverde. Dous delas foron inadmitidas ao entender que deberían ser obxecto de alegación á Relación de Postos de Traballo (RPT) xa que afectan a cuestións retributivas.

A outra foi desestimada "ao considerar que está perfectamente motivada a creación desas prazas no propio expediente, que é o que reclama o ordenamento xurídico, que non entra a valorar cuestións de oportunidade", sinalou a edil nacionalista.

Dentro desta modificación do cadro de persoal inclúese a creación dunha oficina específica para xestionar os proxectos relacionados cos fondos europeos que terá como responsable a unha persoa designada polo propio Goberno local á cal se lle asignará a categoría de director xeral.

Esta modificación tamén propón a transformación das prazas de subalternos nos colexios e de bombeiros en bombeiros-condutores, a ampliación de prazas de oficial na Policía Local, a creación dun posto de técnico superior en informática e a conversión das prazas de técnico en técnicos medios.

Os grupos municipais do Partido Socialista e o Partido Popular reprocharon ao goberno local "continuas modificacións do cadro de persoal e da RPT" e criticaron a falta de negociación cos traballadores.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista para Europa Press
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha entrevista para Europa Press | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta