Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 09/11/2023 | Actualizada ás 14:00
As redes sociais son unha ferramenta de dobre fío, por unha banda poden ser moi boas, pero pola outra teñen unhas consecuencias tremendamente negativas sobre os máis pequenos, que cada vez acceden a elas de forma máis temperá, sen sequera ter a cabeza formada para saber como usalas correctamente e sen perigo. Así, a día de hoxe, en redes como Instagram hai milleiros de rapazas menores de idade que suben fotografías lixeiras de roupa ou en actitudes sexuais, e noutras como Tik Tok, cada vez máis popular entre a mocidade, hai outras tantas contas con nenas e nenos realizando bailes de carácter sexual. Quen ve iso? Calquera que teña unha conta, verdadeira ou falsa, é dicir, dende outros nenos ata auténticos pederastas.
Así as cousas, Galicia é a comunidade na que, durante o ano 2021, máis casos de 'grooming' se condenaron (casos de contacto mediante tecnoloxía con menores de 16 anos con fines sexuais): case o 19 % do total condenados en todo o país, segundo os datos aportados polo Portal Estadístico de Criminalidade do Ministerio de Interior. A este feito súmaselle que, no mesmo período, detectáronse 39 casos de pornografía de menores en Galicia, do total de 460 que se deron a nivel nacional. E é que a idade de ter o primeiro teléfono móbil cada vez é menor, estando agora na media dos 10,9 anos, o que fai que os máis pequenos estean expostos dende idades moi temperás ás ameazas que hai na rede.
Segundo o estudo de WeProtect Global Alliance, as fotografías sexuais sacadas polos propios menores, de entre 7 e 10 anos, aumentaron nun 360 % dende o 2020 a nivel mundial, sendo xa unha práctica habitual que os adultos pidan fotos íntimas ou teñan comportamentos sexuais 'online' con menores que dispoñen dos seus propios dispositivos móbiles. Segundo o informe Violencia Viral de Save the Children, o 'grooming' é unha práctica máis común do que se pensa, xa que un de cada cinco mozos españois aseguran ter pasado por esta situación. De feito, a lei de proteción integral á infancia e á adolescencia frente á violencia contempla este problema como algo do que é necesario educar e informar aos máis pequenos, para que sepan como protexerse.
"Cada vez hai máis material de abuso sexual infantil a través da redes", xa para ninguén resulta algo sorpresivo atoparse con este tipo de contidos, alerta o sociólogo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Jorge García Marín, que asegura que, ante isto, "é moi importante a prevención e poñer en marcha medidas básicas sobre o uso de tecnoloxías nas familias". E é que, tendo en conta que os nenos, nenas e adoslecentes cada vez teñen antes un móbil nas mans, hai que concienciar aos proxenitores sobre "a importancia de que estén ao tanto dos entornos 'online' que visitan os seus fillos, para que os axuden a manexar ferramentas de seguridade nese ámbito".
O 95,1 % DOS ABUSADOS NON CONTA CON ANTECEDENTES PENAIS
En concreto, o último informe de Save the Children 'Por una justicia a la altura de la infancia. Análisis de sentencias sobre abusos sexuales a niños y niñas en España', no que se analizaron case 400 sentenzas xudiciais de casos deste tipo de violencia en España, das que 33 son específicas de 'online grooming' ou abuso sexual a través de Internet, alerta de que en case a metade dos casos de abusos sexuais contra a infancia a través de Internet o agresor é unha persoa descoñecida, e o 95,1 % dos abusadores non conta con antecedentes penais de ningún tipo.
Así, Save the Children recorda que, nos últimos anos, as diferentes formas de violencia atoparon un canal diferente polo que exercerse, como é Internet. E é que os nenos e as nenas comezan cada vez máis cedo a relacionarse a través da rede. A idade do primeiro acceso á rede sitúase xa nos 7 anos e Internet é usado polo 95,1 % dos nenos e as nenas de entre 10 e 15 anos. Segundo os últimos datos do Ministerio do Interior, en 2022 presentáronse un total de 954 denuncias por delitos sexuais a través da rede que tiñan como vítima a un neno, nena ou adolescente. Ademais, as denuncias que tiñan como vítima á infancia e adolescencia representaban o 84 % do total deste tipo de delitos.
"NON PODEMOS PERMITIRNOS UNHA SOCIEDADE NA QUE OS NENOS SUFRAN"
No 'online grooming', as nenas representan un 57,4 % do total de vítimas, mentras que os nenos son vítimas no 42,6 % dos casos. Estas cifras contrastan coas do abuso sexual físico, onde 8 de cada 10 vítimas son nenas. Ademais, tamén aumenta a idade á que comezan a producirse os abusos, pasando de 11 anos no abuso físico aos 13 anos no 'online grooming'. Así mesmo, Save the Children amosa tamén a súa preocupación polo tempo de duración dos procesos xudiciais. No período analizado, o 67 % dos procesos duraron entre dous e tres anos. En canto ás probas nos xuízos, destacan as documentais, testificais e/ou periciais en case 6 de cada 10 casos.
"A seguridade dos nenos e das nenas non debería ser negociable, e non podemos permitirnos unha sociedade na que os nenos e as nenas sufran", conclúe Jorge García Marín, que, como sociólogo asegura que "é importante redobrar esforzos, impulsar cambios e lexislar máis para protexelos". E é que, por desgraza, "este tipo de actitudes sempre se van aproveitar de lagunas de seguridade e, nun mundo como no que vivimos, onde Internet vai tan rápido e as posibilidades dos nenos para meterse nas redes son tan amplas e cada vez durante máis tempo, o risco aumenta proporcionalmente", afirma este profesor da USC.
UNHA XUSTIZA Á ALTURA DA INFANCIA
Save the Children recorda que, tal e como indica a Lei Orgánica de Proteción Integral da Infancia e Adoslescencia fronte á Violencia (LOPIVI) aprobada fai agora dous anos, é preciso que o Goberno desenvolva unha lexislación específica que marque o camiño para esta xustiza especializada que poida garantir os dereitos dos nenos e nenas que foron vítimas de calquera tipo de violencia, como é o 'online grooming'.
Esto debe concretarse nas seguintes medidas: implantación de xulgados especializados en atención á infancia vítima de violencia; creación dunha Fiscalía específica de violencia contra a infancia, que participe en todos os procesos onde haxa un neno ou nena vítima; formación inicial e constante de todos os operadores xurídicos; e a asistencia xurídica ás vítimas, acompañándoas dende o comezo ata o final do proceso e asegurando a súa gratuidade nos casos que marca a lei.
BARNAHUS, AS CASAS DOS NENOS
A organización aposta tamén por implantar en todas as comunidades, incluída Galicia, o modelo nórdico Barnahus ('casa dos nenos', en islandés), un modelo de atención integral onde todas as institucións que interveñen nun caso de abuso sexual infantil coordínanse e traballan baixo o mesmo teito para evitar a vitimización secundaria.
Dende a apertura da primeira Barnahus en 2020 en Cataluña (en concreto, en Tarragona), outras comunidades como Andalucía, Euskadi, Cantabria, Comunidade Valenciana, Comunidade de Madrid, Illas Baleares ou Navarra están seguindo o camiño. Ademais, o proxecto conxunto da Unión Europea e o Consello de Europa sobre a Barnahus en España para os anos 2022 a 2024 (desenvolvida en estreita colaboración co Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030), ten como obxectivo mellorar o marco lexislativo e de políticas públicas para introducir este modelo nas distintas comunidades. Galicia aínda non se pronunciou ao respecto nin creou unha figura similar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.